#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

26/03/2010

A Xunta do PP manterá o actual horario da ITV en Xinzo a pesar dos problemas que xenera

O Goberno galego respondeu hoxe, en sede parlamentar, a unha iniciativa do BNG sobre o horario da I.T.V e afirmou que manterá o mesmo horario de 9 a 13.30hs e de 15.30 a 18 horas de luns a venres a pesar dos problemas que está a ocasionar aos propietarios cuxos vehículos están obrigados a pasar esta inspección.

O deputado do BNG, Alfredo Suárez Canal, defendeu ampliar o horario diario e a apertura da ITV durante os sábados pero o Director xeral de Industria respondeu que “mentres non haxa máis demanda o horario permanecerá como está”.

Suárez Canal asegurou que durante o bipartito “este servizo mellorou porque se produciu unha rebaixa do importe da ITV e púxose en funcionamento outra estación” e lamentamos –dixo- que o actual horario da Limia non sexa o mesmo que o do resto da provincia, “provocando graves problemas para os traballadores e traballadoras que deben adaptar o seu horario ao da ITV e en moitas ocasións resulta incompatible”.

O deputado do BNG acusou ao responsábel da Xunta de “ter mala conciencia” e non amosar disposición para resolver un problema de ampliación de horario que afecta sobre todo ás persoas con menos recursos, e que “grazas ao anterior goberno se deu resposta a unha demanda histórica na Limia e agora non hai intención de cambiar estes horarios”.

Para o deputado do BNG, o argumento esgrimido pola Xunta para negar a ampliación deste horario non se sostén, xa que se basea “nun futurible” e está en función do incremento dos vehículos que deben facer a ITV.

Alfredo Suárez Canal concluíu a súa intervención cunha petición ao Director Xeral de Industria, Ángel Bernardo Tahoces, para que non se ampare na referencia de 6 vehículos por hora porque a reclamación da poboación de Xinzo de Limia é “a ampliación do horario da estación para poder facer a ITV sen que colida cos horarios laborais”.

Referencias:

02/02/2010

O BNG esixe que se amplie o horario de atención aos usuarios da Estación da ITV de Xinzo

O responsábel comarcal do BNG na Limia, Xosé Manuel Pérez Bouza, esixe que os horarios da estación de Inspección Técnica de Vehículos (ITV) de Xinzo se amplíen tanto durante os días de semana, como coa apertura en sábado, para facilitarlle aos usuarios, a realización das inspeccións dos seus vehículos.

Pérez Bouza denuncia que “o horario actual, no que a estación non abre os sábados e pecha pola semana ás seis da tarde, non se axusta para nada ao horario laboral de moitos veciños da comarca, que ao igual que antes de contar coa estación da ITV en Xinzo, téñense que desprazar ate as de Verín e de Ourense, que si ten un horario máis razoábel”. Isto cáusalle un importante prexuízo veciños da comarca, en forma de perda de tempo e de aumento dos custes económicos, do que o responsábel comarcal do BNG acusa directamente á Xunta de Núñez Feijóo, polo “desleixo e falta de sensibilidade que demostra cara os veciños e veciñas da Limia”.

“Cando o BNG tiña responsabilidades na Xunta, tomou a decisión de instalar en Xinzo esta estación, unha demanda histórica de toda a comarca. Chegou o PP ó goberno autonómico e non só atrasou deliberadamente a súa apertura máis de tres meses, cando xa estaba totalmente rematada, senón que agora permite que a empresa que xestiona a estación, Supervisión y Control, estableza uns horarios que non se adecúan para nada aos da xente que traballa”, denuncia Pérez Bouza.

Neste sentido, o responsábel comarcal do BNG, advirte de que “se a Xunta e a empresa non toman de inmediato a decisión de ampliar o horario de atención ao público tanto durante os días de semana como, os sábados, o BNG iniciará na comarca de A Limia, unha campaña de mobilizacións para que, ao igual que tivemos que facer para que se abrira, se amplíe o horario”. “Ademais da campaña de mobilizacións, o BNG tamén actuará no campo institucional, presentando mocións en apoio desta reivindicación, en tódolos concellos da comarca, sendo o primeiro o de Xinzo”, tal como asegura o portavoz municipal nacionalista neste concello.

Referencias:

02/12/2009

Concentración para esixir a apertura imediata da ITV

20091202-capa

O desleixo, abandono e caos reinantes na Xunta do PP abranguen a todas as materias e a todas as consellarías. Logo de máis de tres meses rematada e totalmente equipada a Estación da ITV que a anterior Consellaría de Industria, xestionada polo BNG, instalou no Parque Empresarial de Xinzo segue pechada porque lle falta un papel!!! A administración do Partido Popular e do incompetente Presidente Feijóo tardan máis en arranxar un papel que o que o BNG tardou en construila.

Para esixir que este servizo entre en funcionamento XA! celebraremos unha CONCENTRACIÓN-MANIFESTACIÓN con vehículos ás súas portas este sábado, 5 de decembro, ás 17:00h. Acode e trae o teu coche, trator, moto,…!!!

Referencias:

 Filed under: Axenda,En destaque
18/11/2009

Pérez Bouza anuncia unha campaña do BNG da Limia para demandar a imediata apertura da estación de ITV de Xinzo

O responsábel comarcal do BNG na Limia, Xosé Manuel Pérez Bouza, anunciou esta mañá que o BNG vai iniciar unha campaña na comarca para demandar a imediata apertura da estación da Inspección Técnica de Vehículos (ITV) situada en Xinzo de Limia e rematada desde hai tempo pero aínda pendente da súa posta en marcha.

Pérez Bouza engadiu que tamén “procederemos á recollida de sinaturas na comarca e á presentación de mocións nos diferentes concellos e, se no prazo de 15 días, esta estación permanece aínda pechada, levaremos a cabo unha ampla mobilización social para reclamar a súa apertura canto antes”.

O BNG da comarca impulsou a estación de ITV en Xinzo para dar servizo á comarca

O responsábel comarcal do BNG lembrou que foi o BNG da Limia quen impulsou a necesidade de ubicar en Xinzo unha estación de ITV dado o importante volumen de vehículos, especialmente de maquinaria agrícola, coa que conta esta comarca. “Foi a Consellaría de Industria do anterior Goberno na Xunta, rexida polo BNG, quen chegou a un acordo coa empresa Supervisión e Control para construir esta infraestrutura”.

Pérez Bouza explica que Xinzo foi así unha das beneficiadas no reparto de novas  estacións de ITV na Galiza e que tiña que abrir as súas portas en setembro pasado, así estaba comprometido. Porén, a día de hoxe “e a pesar de que o edificio está rematado, segue pendente da súa posta en marcha”.

Xosé Manuel Pérez Bouza responsabiliza á actual Consellaría de Industria da Xunta porque está a retrasar o proceso de apertura en lugar de axilizalo.

Referencias:

11/12/2008

Anxo Quintana presenta en Xinzo a Estación da ITV aprobada pola Consellaría de Innovación e Industria

Fotos no flickr

Hoxe, o Vicepresidente da Xunta de Galiza, Anxo Quintana, estivo en Xinzo para asistir ao comezo das obras da nova estación da ITV, que estará funcionando para o vrao do vindeiro ano. Este era un servizo longamente anhelado e reclamado polo Bloque de Xinzo que agora foi posíbel grazas á implicación e apoio da Consellaría de Innovación e Industria, xestionada polo BNG, receptiva aos argumentos que nós defendiamos e que apostou pola capitalidade da Limia para ubicar unha estación permanente que tamén reclamaban outros concellos ourensáns.

Como dixo o Vicepresidente, a ubicación na Limia responde a “criterios obxectivos e de xustiza”, como defendiamos dende o BNG de Xinzo nas dúas últimas citas electorais municipais e como reflectimos na moción que presentamos no Pleno Municipal do 24 de abril de 2008 (e que foi aprobada por unanimidade). O noso concello e a súa área de influenza dispoñen do maior parque de maquinaria agrícola de todo o país e, con este servizo, os nosos agricultores non terán que desprazarse a Ourense ou Verín nin agardar longas ringleiras na sempre ateigada lista de espera da ITV móbil que nos visitaba periodicamente.

Outra volta máis o BNG amosa con feitos o seu compromiso coa Limia e co seu tecido produtivo e materializa sobre o terreo as súas propostas e reivindicacións dos últimos anos. No futuro seguiremos a traballar pola nosa comarca e polas súas xentes para situala no lugar que lle corresponde no mapa sociopolítico e económico de Galiza.

Documentos:

Referencias:

Ligazóns:

 Filed under: En destaque,Multimedia
24/04/2008

O BNG presenta polo trámite de urxencia unha moción para solicitar a estación ITV permanente para Xinzo

Neste intre estase a plantexar por parte da empresa adxudicataria da concesión do servizo de ITV a posibilidade da criación na provincia dunha nova estación permanente que se engadiría ás actualmente existentes. No Bloque Nacionalista Galego estamos convencidos (e así o recollemos como proposta nos nosos programas de goberno das dúas últimas citas electorais municipais) de que, se nalgunha zona está sobradamente xustificado e é absolutamente imprescindible este servizo é no noso concello, polos evidentes beneficios que reportaría aos agricultores, e a todos os veciños en xeral, da nosa comarca e doutras limítrofes como a Baixa Limia ou Celanova.

Isto levounos no Pleno ordinario do día de hoxe, a propor ao Pleno a aprobación dunha moción solicitando á Consellería de Innovación e Industria a instalación dunha estación ITV permanente en Xinzo. Agradecemos o apoio do resto de grupos municipais que se sumaron á nosa proposta que, deste xeito, foi aprobada por unanimidade.

 Filed under: Grupo Municipal,Mocións

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

204 queries - 0,189 segundos | Powered by WordPress