#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

15/12/2010

Amador Díaz denuncia o estado lamentábel do entorno urbano da rúa Río Salas de Xinzo

20101215-capa

O responsábel político urxe ao novo alcalde unha solución inmediata á grave degradación que sofre esta céntrica área urbana.

O portavoz municipal e candidato á Alcaldía, Amador Díaz, trala denuncia presentada a pasada semana na Oficina de Apoio ao Cidadán do BNG de Xinzo por un grupo de residentes no entorno da rúa Río Salas ao respecto da lamentábel situación da zona, constata “a necesidade urxente de acometer o seu inmediato drenaxe, acondicionamento e urbanización completa”.

Despois de comprobar in-situ o desleixo e forte degradación que padece este entorno no que atinxe á total falla de deseño e articulación urbanística (a pesares de verse afectado por grandes investimentos como o novo Cuartel da Garda Civil, Centro de Día, etc.), ao estado de asolagamento e á aparición de focos de lixo incontrolado, incluído o abandono das podas efectuadas pola brigada municipal, o BNG solicita “que todas estas demandas veciñais sexan atendidas e se determine unha solución definitiva e con garantías”.

Falla de proxecto que dexenera en despilfarro

Neste sentido, denuncia que “a política do novo alcalde do PP artellada en exclusiva como tapadeira da recente e inxustificábel suba de dietas, taxas e impostos, está a derivar nunha preocupante xestión desenfreada de obra de maquillaxe urbano sen proxecto”, propiciando que áreas gravemente degradadas, como o entorno da rúa Río Salas, sexan abandonadas ao desleixo mentres que, pola contra, no Parque do Toural se enterre unha nova partida orzamentaria de 60 mil euros da Consellería de Presidencia destinada precisamente a recuperación de áreas urbanas degradadas, o que evidencia a total falla de proxecto global de cidade, a ausencia de rigor e prioridade na tramitación de convenios e o despilfarro continuado en tempo de forte crise sen un rendemento social e urbanístico axeitado.

Crecente malestar veciñal

Amador Díaz pon de manifesto tras esta última denuncia veciñal que “é palpable o crecente e forte malestar veciñal na vila de Xinzo debido ao proceder do novo alcalde, Antonio Pérez”, cando residentes de zonas como a Avenida de Portugal, a Avenida de Ourense e neste caso da rúa Río Salas, recorren e denuncian ante o BNG o que a alcaldía lles nega, simplemente, a atención e defensa dos intereses da veciñanza.

Referencias:

28/09/2010

Amador Díaz denuncia a descomposición caníbal do Goberno do PP de Xinzo trala negación da planta de lamas fecais

20100928-capa

O portavoz municipal de Xinzo, Amador Díaz, denuncia que a negativa e descoñecemento do alcalde “evidencia a descomposición caníbal do goberno de Xinzo e o total abandono do interese xeral da xente”.

Despóis de sair publicada a súa adxudicación definitiva no B.O.P. 21 de setembro de 2010, trala posta a disposición dos terreos e despois de rexistrar a semana pasada un escrito do BNG solicitando información a cerca da ubicación concreta da Planta de Tratamento de Lamas Fecais, “ou minten ou están a outra cousa fora da realidade e o interese veciñal”.

Desconfianza veciñal

Amador Díaz pon de manifesto que dita planta “tratará os lodos que se producen nas fosas sépticas da meirande parte da provincia de Ourense cando o goberno do PP deixou sen saneamento a vinte pobos do rural e máis de vinte rúas perimetrais urbanas de Xinzo e nin foi quen de pedirlle a concesionaria Aquagest que extendera as redes de saneamento a cambio do contrato de concesión exclusiva que se lle deu ata o 2046”. Ademais, critica a falla de total de transparencia e de información aos veciños por parte do concello, o mesmo que no caso da Planta Provincial de Refugallos de Morgade, onde nin tan sequera puideron presentar alegacións en tempo e forma.

Preocupación pola deriva do PP

Neste sentido, denuncia que estas políticas do PP encamiñadas a converter a Xinzo nun vertedoiro, “negando a existencia de proxectos publicados no B.O.P., ocultando a información, pisando dereitos básicos e os intereses da xente, é un síntoma claro da deriva do PP cara o desgoberno total, froito dunha descomposición sucesoria caníbal que despreza e abandona aos veciños e veciñas de Xinzo fronte a conveniencias persoais e partidistas”.

Documentos:

27/09/2010

Pérez Bouza e Amador Díaz denuncian que o PP quer converter a Xinzo no vertedoiro de Ourense

20100927-capa

O responsábel comarcal de A Limia e senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, e o portavoz municipal de Xinzo, Amador Díaz, fixeron unha rolda de prensa esta mañá en Ourense para denunciar que “o PP pretende converter a Xinzo de Limia no vertedoiro da provincia de Ourense”.

Ambos referíanse á intención do concello de Xinzo, gobernado polo PP, de ubicar alí unha planta de ámbito provincial de tratamento de residuos fecais. Os dous responsábeis políticos explicaron que xa “estableceron na aldea de Morgade, unha planta de tratamento de residuos procedentes da construcción, e agora, teñen a intención de situar na propia vila de Xinzo unha planta de tratamento de lamas fecais”.

Malestar veciñal

Puxeron de manifesto que dita planta “trataría un tercio dos lodos que se producen nas fosas sépticas da provincia de Ourense”. Neste sentido, fixeron un chamamento ao PP para que cambie as súas políticas e no canto de converter a Xinzo nun vertedoiro “realicen investimentos que traian riqueza, dinamismo económico e postos de traballo á  vila”.

Ademáis, critican a falla de transparencia e de información aos veciños por parte do concello, o que “está a provocar desconfianza e preocupación na cidadanía polo temor ás consecuencias que a planta poida provocar: os cheiros, os ruidos, a circulación de  tráfico rodado, entre outras”.

Nesta cuestión, enfatizaron a grande cantidade de queixas que a Oficina de Información ao Cidadán do BNG está a receber pola ubicación futura da mencionada planta. Lembran os dous responsábeis políticos que xa cando se estableceu a planta de Morgade, o concello se saltou todo tipo de información aos veciños.

Esta é a razón pola que o BNG de Xinzo de Limia decidiu presentar unha pergunta ao concello demandando transparencia e información, sobre todo no que atinxe ao lugar onde se vai ubicar.

En Xinzo “pagamos as taxas máis altas por depuración de augas”

Outras das cuestións que subliñaron é a privatización do servizo de depuración de augas que levou a cabo o Grupo de Goberno do PP, posto que lle concedeu a xestión á empresa Aquagest até o ano 2046. No contrato asinado esta empresa comprometíase a facer a conexión para a depuración das augas a todos aqueles veciños que carecen do servizo. “En Xinzo pagamos as taxas máis altas por depuración de augas non só de Ourense senón de Galiza” máis a empresa citada aínda non cumpriu o acordado e “moito nos tememos que non o fagan”, advertiron.

Referencias:

16/07/2010

O BNG de Xinzo denuncia a lamentábel imaxe que imos ofrecer aos visitantes nas Festas polo estado de abandono que sofre A Moreira

20100716-capa

Na véspera da celebración das festas patronais na honra da Santa Mariña o BNG de Xinzo denuncia e lamenta a paupérrima imaxe que imos ofrecer, se ninguén o remedia, aos que nestes días se acheguen ata as instalación deportivas da Moreira a participar ou desfrutar das competicións deportivas incluídas dentro do programa de actos, nomeadamente o partido de veteranos do Celta que se vai celebrar o sábado.

O entorno da Moreira funciona dende hai anos como vertedoiro improvisado de refugallos de obra e restos de maleza e podas de árbores sen que dende o Concello se tome ningunha medida para corrixir esta situación. Cunha Concelleira de Deportes que cobra unha adicación exclusiva e con varios compañeiros do grupo de goberno pelexándose por saír na foto das obras é incomprensíbel o abandono que sofre un complexo deportivo destas características auténtico emblema futbolístico da Limia.

Como xa denunciamos no último pleno, no que se debateron os orzamentos, o desleixo e a falla de interese xeneralizados do Grupo de Goberno do PP é escandaloso e A Moreira é un dos exemplos máis gráficos. O alcalde, Isaac Vila, logo de anunciar o seu retiro deixa decorrer o tempo nunha actitude contemporizadora e debulla os días que lle faltan para a merecida xubilación, mentres, os seus concelleiros, andan máis preocupados nas súas liortas particulares por ver quen se queda cos despoxos do partido e en posicionarse para afrontar a nova etapa que en resolver os problemas das veciñas e veciños de Xinzo.

Referencias:

16/03/2010

O BNG denuncia a irresponsabilidade do PP nas labouras de desratización da vila

20100316-capa

O goberno trapalleiro do PP presidido, de momento, por Isaac Vila segue a dar paus de cego na súa xestión e, logo de estragar un dos mellores espazos verdes do pobo (outro máis), agora sorpréndenos pola súa deixadez e irresponsabilidade á hora de supervisar os medios empregados para controlar a proliferación de roedores no núcleo da vila.

O método consistente na dispersión de cebos envelenados colocados no extremo du arame, estratéxicamente ubicados nos sumidoiros, amosa unha inconcebíbel falla de senso común que pon en perigo a calqueira neno que sin sospeitar o que é, tire do gancho porque lle chame a atención iso que se ve aí. É unha mostra máis do goberno chapuceiro que temos neste concello que, en vez de contratar a unha empresa especializada, manda a uns operarios municipais que non saben disto a colocar o cebo sin máis, denunciou Amador.

Definitivamente o PP suspende en conciencia e xestión ambiental e o concelleiro responsábel deste departamento, Antonio Pérez Rodríguez, conságrase diante da veciñanza como un dos máis nocivos, inútiles e incompetentes que tivemos que padecer nos gobermos “populares” de todos os tempos.

Referencias:

 Filed under: En destaque
25/02/2010

O Pleno acorda reclamar ao Goberno a execución das partidas recollidas para Xinzo nos Orzamentos do Estado

20100225-capa

Fotos no flickr

No marco da negociación co Goberno do Estado dos Orzamentos para este ano 2010 foron aprobadas, a iniciativa do BNG, diversas emendas no Senado que supoñen melloras para actuacións concretas na Galiza, entre elas recóllense as seguintes que afectan ao noso concello:

  • Ministerio de Fomento: Urbanización e mellora dos enlaces entre a A52 – N525 – OU531 (Estrada de Celanova) – 300 mil euros.
  • Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño: Limpeza e mellora do leito do Río Limia – 200 mil euros.

Agora a execución na realidade destas partidas require un compromiso firme do Concello á hora de reclamar o seu cumprimento efectivo diante dos devanditos ministerios, por iso, para asegurar este compromiso, o Grupo Municipal do BNG presentou unha moción que foi aprobada por unanimidade.

ITV

Como ven denunciando o BNG, a Estación da ITV de Xinzo ten uns horarios de apertura pouco axeitados que provocan listas de espera de varios días. Aproveitamos o pleno de hoxe para reclamar os mesmos horarios que o resto de estacións e acordouse que o Concello se dirixiría á concesionaria para que corrixa esta situación.

CICAT-2

No pleno tamén se tratou a solicitude dunha empresa para declarar de interese social o seu proxecto de montar en Xinzo un Centro Industrial Cárnico de Alta Tecnoloxía (CICAT). Polo de agora o tema está nunha fase moi preliminar e, de momento, trátase de solicitar a XESTUR unha nova ampliación de 200.000 metros cadrados no Parque Empresarial para que esta empresa se poidera instalar. Nós mostramos o noso apoio coa salvedade de que en ningún caso se produzan agravios comparativos no acceso aos terreos a outras iniciativas de empresarios locais.

Referencias:

18/08/2009

O BNG de Xinzo propón medidas para compatibilizar o ocio nocturno da nosa mocidade cos dereitos do resto de veciñas e veciños

20090818-capa

En datas recentes, asociacións veciñais de Xinzo veñen de dirixirse á Oficina de Apoio ao Cidadán do BNG para poñer no noso coñecemento o malestar orixinado pola diaria e continuada situación de desprotección e merma no benestar e na calidade de vida que están a padecer, co agravante do período estival, propiciados polo exceso de ruído nocturno, incumprimento reiterado do nivel de decibelios e horarios de peche permitidos aos bares e pubs das “zonas de marcha”, ademais dos improvisados e habituais botellóns e do vandalismo de intensidade severa que xeran estes entornos. Entendemos que, a día de hoxe, o noso Concello conta co amparo legal necesario para atallar esta problemática xa que, á normativa xeral existente ven de engadirse hai pouco tempo a “Ordenanza de boas prácticas veciñais e seguranza cidadá”.

A devandita ordenanza pon nas mans do Concello un instrumento para atallar as condutas incívicas denunciadas polos veciños, polo que non entendemos as evasivas que reciben por parte do goberno municipal eludindo reiterada e descaradamente a súa responsabilidade con argumentos peregrinos como “non temos constancia”, “non é nosa competencia” ou “reclamen vostedes na Subdelegación do Goberno”.

Non é intención do BNG criminalizar os hábitos de diversión da nosa xuventude, nin poñer innecesarios atrancos ao tecido empresarial relacionado co sector, mais coidamos que é preciso garantir a convivencia entre todos, en particular, o dereito ao descanso dos cidadáns, a limpeza dos espazos públicos e a erradicación de comportamentos incívicos. Neste senso o ponto de encontro debe atoparse necesariamente na regulamentación vixente, nomeadamente nas ordenanzas en vigor, por isto consideramos unha obriga e unha responsabilidade do Concello dar resposta aos problemas que se derivan da aglomeración e concentración de centos de persoas nas zonas de ocio nocturno da nosa vila.

Co obxectivo de axudar ao grupo de goberno “popular” nesta laboura, vimos de presentar unha Moción na que propoñemos diversas medidas preventivas (campañas de formación e educación, ofertas alternativas de ocio, etc.) e paliativas (reforzo ocasional das plantillas municipais da Policía Local e das Brigadas de Limpeza) encamiñadas a garantir a convivencia, compatibilizando o ocio nocturno da nosa mocidade cos dereitos do resto de veciñas e veciños. Estamos plenamente convencidos que do respecto mútuo sairemos todos beneficiados e contribuiremos a facer unha sociedade máis humana e solidaria.

Referencias:

Actualización (quinta-feira, 27 de agosto)

No Pleno ordinario do Concello celebrado hoxe aprobouse por unanimidade esta moción presentada polo BNG. Grazas ao resto dos grupos polo seu apoio e agora só resta que o Alcalde e o seu grupo de goberno poñan en práctica os acordos.

18/08/2008

O BNG de Xinzo insta a limpeza das ribeiras do Limia a prol da Festa do Esquecemento

Fotos no flickr

Ante a inminente celebración da VIII Festa do Esquecemento os vindeiros dias 22, 23 e 24 de Agosto e sendo as ribeiras do río Limia, anexas aos Parques do Toural, un dos espazos máis representativos e centrais da Festa (Paso do Río) e dada a deplorábel situación na que se encontran en canto a lixo, maleza silvestre e falla de limpeza e conservación tanto das ribeiras como das augas, o BNG de Xinzo insta ao Grupo de Goberno perante escrito rexistrado nesta data a que se adopten as medidas pertinentes para que se leve a cabo tanto a limpeza do abundante lixo e basura das ribeiras, como da maleza agreste incontrolada, así como na medida do posíbel, a da superficie da auga desa zona do Limia que ofrece unha imaxe de descoido e desidia total.

 Filed under: Ao día,En destaque
Páxinas: 1 2 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

208 queries - 0,200 segundos | Powered by WordPress