#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

27/03/2009

O BNG denuncia graves deficiencias no Parque Infantil do Toural e demanda a súa urxente resolución

20090327-cartaz

Dado o malestar e desacougo manifestados por un amplo grupo de pais e nais usuarios do recentemente acondicionado Parque Infantil do Toural e tendo rexistrado na Oficina de Apoio ao Cidadán do BNG de Xinzo a súa frustración diante da indiferenza municipal ao respecto das importantes carencias que este Parque Infantil presenta, o Grupo Municipal do BNG ten a ben certificar estas anomalías para que os responsábeis municipais procuren a súa urxente resolución, pondo de manifesto así mesmo que non é de recibo que unhas instalacións que foron obxecto dunha importante reforma e acondicionamento nos últimos meses (dos que aínda non se informou aos grupos da oposición en canto a custos e pormenores da actuación) estea aínda sen rematar e amose as seguintes graves deficiencias:

  1. Inexistencia de bancos para se sentar e de caldeiros para o lixo. Non se xustifica que unha reforma dun espazo verde e de lecer non contemple estes dous aspectos básicos, o que apunta sen dúbida á inexistencia de proxecto de execución do grupo de goberno do PP.
  2. Deficiente acoutado do recinto infantil para impedir, na medida do posíbel, a entrada de animais á zona de area destinada ao xogo e espallamento dos nenos.
  3. Inadecuación tanto do peche metálico que delimita e separa a zona infantil do resto do Parque (este valado metálico é froito da reciclaxe sen máis do antigo peche), así como de toda a infraestrutura ou mobiliario que poida agochar un risco potencial para os nenos segundo contempla a Normativa Europea de Seguridade de Parques Infantís, UNE-EN-1176 e UNE-EN-1177, no que atinxe a:
    • Riscos de contención.
    • Riscos de entalado de cabeza e pescozo.
    • Sistemas de fixación non axeitados: parafusos ou ornamentos metálicos que sobresaen en exceso.
    • Ausencia de sistemas de amortecemento e pavimentos non acaidos pola súa dureza e ariscado.

O Grupo Municipal do BNG ven de esixir, a medio de escrito rexistrado no Concello, o inmediato arranxo de todas estas graves carencias co obxecto de garantir a total seguridade do recinto. Denunciamos a pasividade e irresponsabilidade que pon de manifesto, máis unha vez, o Goberno do PP de Xinzo ao realizar este tipo de actuacións sen proxecto e sen observar a normativa de seguridade específica, reflexo da máis absoluta inoperancia, desidia e falla de previsión.

Ao tempo instamos ao PP e ao Alcalde, Isaac Vila, a que deixe de adicarse a inaugurar tractores e se poña a traballar pola seguridade dos nenos e nenas de Xinzo.

Referencias:

14/10/2008

Valoración do BNG de Xinzo do anuncio de ampliación do Parque Empresarial polo Concello e maila Deputación

O pasado día 5 de outubro asistiamos, abraiados, ao anuncio do Concello de Xinzo en conivencia coa Deputación Provincial, ambos rexentados polo Partido Popular, da próxima urbanización de 200 novas parcelas no Parque Empresarial que serán vendidas un 30% máis baratas que as 21 recentemente rematadas por Xestur na 4ª fase.

Esperta certa suspicacia e réstalle moita credibilidade o feito de que este anuncio se produza aos poucos días da posta en marcha do novo “chiringuito” de Baltar baixo a forma terreal de Sociedade de Xestión do Solo. Máis semella unha “oferta de lanzamento” que un proxecto serio con posibilidades de materializarse sobre o terreo, sobre todo nestes tempos nos que os ventos da economía non sopran favorábeis. Por outra banda prodúcenos certa inquedanza o grande interese que amosa este recén criado organismo por operar en Xinzo, novamente, pois hai que lembrar que a xestión do chan industrial do PP xa deu boas mostras no pasado da súa ineficacia, desleixo e falla de control diante da lacra da especulación, deixando a finais dos noventa no noso concello un parque xerminal, varado na súa primeira fase e cercenado pola usura dos pseudoinvestidores de turno, cuxas consecuencias aínda son visíbeis hoxe nas parcelas que non chegaron a ver medrar ningún proxecto empresarial.

Relacionadas:

Referencias:

 Filed under: Ao día,Sala de imprensa
05/09/2008

O BNG de Xinzo reclama o arranxo inmediato do Parque-Xardín do Polígono

A día de hoxe o Parque-Xardín da Zona do Polígono presenta un lamentable estado de semiabandono, co chan levantado e cos materiais de obra apilados “in-situ” sobre unha beirarrúa. Esta situación remóntase quince meses atrás no tempo, cando na precampaña das Municipais de maio de 2007 se iniciaron uns arranxos de última hora, improvisados e con manifesta vocación pre-electoral. Daquelas, diante do malestar veciñal e grazas á xestión do BNG, que denunciou as irregularidades, estes traballos foran paralizados polo Concello constatándose que carecían de proxecto, de acordo institucional regulamentario, de partida orzamentaria e de consenso por parte dos afectados. Nese intre chegouse a un acordo cos veciños e adquiriuse a promesa firme polo hoxe Sr. Alcalde de realizar as obras en condicións unha vez solucionados estes atrancos. Xa pasou máis dun ano e no BNG de Xinzo coidamos que xa é tempo de que o Alcalde, Isaac Vila, materialice a súa promesa, máxime se temos en conta que neste tempo foron aprobadas inversións noutros parques públicos da vila que non presentaban unha situación de deterioro tan evidente coma a deste. Por isto xa presentamos un escrito no Concello lembrándolle ao Sr. Vila os seus compromisos e urxindo a execución inmediata desta obra nos termos acordados cos veciños, a restitución da normalidade urbana e o adecentamento urxente desta área.

Referencias:

18/07/2008

O BNG reclama explicacións ao Alcalde polas obras do Parque do Toural

Fotos no flickr

O pasado luns comezaron uns traballos de acondicionamento no Parque do Toural de Xinzo dos que, como é habitual, non tivemos información previa de ningún tipo. As présas do 3º Tenente de alcalde e Concelleiro de Medio Ambiente, Antonio Pérez, por executar estas obras fan que se acometan na peor época do ano: en vésperas das festas do verán, cando máis afluencia de xente hai na vila e cando é máis difícil a rexeneración da cuberta vexetal. Non temos constancia de que exista ningún proxecto e dubidamos que a empresa que está a realizalas conte cos permisos oportunos.

É unha mágoa constatar que as achegas que se poderían agardar dos novos socios de partido incorporados nas últimas eleccións municipais non mudaron os tradicionais escurantismo e improvisación dos gobernos ‘populares’ no Concello de Xinzo. Por isto xa presentamos un escrito dirixido ao Alcalde, Isaac Vila, solicitando a información oportuna ao respecto e agardamos que poida respostarnos en canto se reincorpore ao seu cargo a vindeira semana despois duns días de vacacións.

Referencias:

29/12/2006

Ampliación do Parque Empresarial

foto_20061229-pe.jpg

A ampliación do parque empresarial sempre foi unha demanda do tecido empresarial e de todos os veciños de Xinzo dende hai máis de 5 anos (xa fora proposta na anterior lexislatura municipal), máis ninguén foi quen de poñela en marcha até este ano 2006 no que a Consellería de Vivenda e Solo consegue reflotar a sociedade encargada de xestionar o solo empresarial na provincia de Ourense, XESTUR OURENSE, S.L., que como é publicamente sabido, atopábase nunha situación económica moi delicada despois da nefasta xestión da anterior equipa directiva encabezada polo Sr. Juan Carlos Cabanelas Rodríguez e na que tiña moito que ver o Sr. Isaac Vila. (more…)

07/04/2005

Valoración sobre o arranxo da Alameda do Toural

Alameda do Toural

Diante do malestar xeralizado entre os veciños de Xinzo polo desenrolo das obras de acondicionamento da Alameda do Toural pola Escola-Taller concedida a este efecto, e cuxos traballos están próximos a finalizar, dende o BNG de Xinzo compartimos esta valoración negativa co resto de grupos municipais e cos veciños en xeral.

Na última reunión da Comisión informativa de obras acordáronse medidas encamiñadas a conquerir que estas obras se rematen do mellor xeito posible e a paliar, na medida do posible, a desfeita.

Dende o BNG facemos votos para que o grupo de governo as realice na práctica e así adecuar este espazo aos obxectivos que se plantexaban inicialmente e mitigar o descontento veciñal.

 Filed under: Ao día,Grupo Municipal

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

204 queries - 0,197 segundos | Powered by WordPress