#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

19/04/2012

O BNG reclama do Alcalde seriedade e transparencia na concreción do Plan de Axuste

Amador Díaz advirte que as fracasadas políticas do PP da austeridade “selectiva”, das subas de impostos e das baixadas de soldo aos traballadores non serán as que garantan o futuro do Concello de Xinzo.

Xinzo da Limia, a 19 de abril de 2012. Nos últimos días os veciños e veciñas de Xinzo asistimos abraiados ao espectáculo de declaracións cruzadas entre o alcalde do Concello, Antonio Pérez, e os representantes dos traballadores a conta do ‘Plan de Axuste’ aprobado no último plenario.

No BNG coñecemos moi ben os famosos ‘plans’ do PP de Xinzo, papel mollado onde se fala de medidas de aforro en gastos correntes, optimización de recursos, conxelación de contratacións, mais que ao final só se concretan en subas de impostos e taxas. Esta é a experiencia demostrábel do ‘Plan de Saneamento Económico-Financeiro’ do 2009 e é por onde apuntan as directrices deste novo e improvisado ‘Plan de Axuste’ feito ás presas, que carga todo o peso do “axuste” nos veciños e nos traballadores do Concello, esquecendo medidas reiteradamente propostas polo BNG como redución de dietas dos concelleiros, eliminación da inútil adicación exclusiva da concelleira de Persoal, esixencia a outras administracións para que colaboren no financiamento de determinados servizos (como o Conservatorio) por ter carácter comarcal, etc.

Antonio Pérez está empeñado na loábel tarefa de garantir a viabilidade económica do Concello de Xinzo, mais non será aplicando as fracasadas políticas do PP (austeridade “selectiva”, suba de impostos para os veciños e veciñas, baixada de soldo aos traballadores) como o consiga, ademais a súa incoherencia fai que teña aberto un proceso de contratación dun avogado para o Concello que se vai “comer” o 15% dese aforro conseguido en base a precarizar as condicións do persoal laboral actual.

O BNG esixe eficacia, seriedade e transparencia

E todo isto estase a facer de costas á oposición, sen contar para nada con ela, sen explicar en ningún momento as intencións e ocultando información baixo a escusa dos prazos legais. Por isto no día de hoxe vimos de solicitar a reunión URXENTE da Comisión de Economía e Facenda para que o alcalde dea conta das medidas de redución salarial propostas aos traballadores na reunión do 17/4/2012, así coma do resto de medidas de aforro previstas polo grupo de goberno e avance as liñas xerais do Proxecto de Orzamentos para o 2012.

O BNG ofrece alternativas máis xustas

Diante deste “máis do mesmo” que nos plantexa o alcalde do PP, dende o BNG presentaremos unha alternativa máis equilibrada, cunha batería de medidas diversificadas, que non fará recaer todo o peso do axuste nos traballadores e nos veciños e veciñas de Xinzo.

08/03/2012

Pleno ordinario 8-3-2012

Hoxe, quinta-feira (xoves), 8 de marzo (Día da Muller Traballadora), ás 11:00h celébrase o pleno ordinario segundo a orde do día que se acompaña.

Destacamos a aprobación, a iniciativa do BNG, dunha moción instando á execución do regadío así como a adopción de diferentes medidas encamiñadas á mellora e potenciación do sector da pataca.

15/12/2008

O BNG de Xinzo presenta unha moción para que unha porcentaxe do Fondo Estatal de Investimento Local destinado ao noso concello se invista en obras no rural

Dentro do Fondo Estatal de Investimento Local ao Concello de Xinzo da Limia correspóndenlle un máximo de 1.773.776€ a investir en obra nova non contemplada no orzamento de 2009.

O BNG considera que debe ser o Pleno da Corporación municipal quen formule esa proposta de obras e que se debe aproveitar o financiamento derivado deste plan para poñer en marcha actuacións que permitan asentar e mellorar os servizos públicos, desenvolver obras e actuacións para apoiar os nosos sectores económicos básicos, mellorar as condicións de vida no rural, recuperar e poñer en valor o noso patrimonio e estender e ampliar a rede de servizos sociais como mellor arma de cubrir as necesidades dos que máis o necesitan en épocas de crise como a que vivimos.

Por isto vimos de presentar unha moción solicitando que sexa a Comisión de Urbanismo e Obras a que estude a relación de proxectos a financiar dentro do plan e que unha porcentaxe do fondo se destine especificamente a obras no rural do noso concello. Paralelamente tamén presentamos un escrito cunha proposta de 20 obras de diversa índole para a súa consideración na citada Comisión, entre elas recollemos melloras de diferentes espazos públicos urbanos e rurais, recuperación e posta en valor de patrimonio histórico, mellora na rede de saneamento, construción do Conservatorio, etc.

Ligazóns:

Referencias:

28/11/2008

O BNG destaca que o Plan Sectorial de Vivenda aporta ao Concello de Xinzo vivenda protexida cun investimento de preto de 2,75 millóns de euros con novas zonas verdes e equipamentos

O proxecto deseñado pola Consellaría aportará a Xinzo novos equipamentos e zonas verdes, creando espazos públicos de calidade dos que tan necesitados estamos, daralle unha solución á beira do Río Limia nese tramo e materializará as previsións do Plan de Urbanismo en vigor completando o desenrolo dunha zona estratéxica da vila, nas inmediacións do Colexio Rosalía de Castro e da Galescola, acabando coa idea de que a vivenda protexida debe estar en localizacións periféricas dos concellos. A aposta pola calidade na ubicación deste tipo de vivendas, que van dirixidas tanto ás familias con rendas medias como ás necesitadas, será exemplo do novo urbanismo ao servizo da xente que sempre defendeu o BNG, e que neste caso se traducirá en 11.500m2 de zonas verdes e máis de 2.000m2 dotacionais nos que se poderán ubicar no futuro equipamentos sociais, deportivos ou culturais.

Ligazóns:

13/12/2007

Medio Rural presenta un Plan Especial de Infraestructuras que suporá un impulso definitivo para converter a esta zona en referente da producción agraria do País

20071213-peim.jpg

O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, e o director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, Xosé Carballido Presas, presentaron o Plan Especial de Infraestruturas para a comarca da Limia, ao que se destinarán preto de 6 millóns de euros, unha actuación que “suporá un impulso definitivo para converter esta zona como un referente na produción agraria do País”, segundo o titular da Consellería de Medio Rural.

Segundo o conselleiro, “este paquete de actuacións constitúe o respaldo definitivo para o despegue da comarca da Limia” e vai preparar a comarca da Limia para afrontar os retos da agricultura do século XXI.

Entre as medidas que contempla este Plan Especial de Infraestruturas, destaca a consolidación do proceso de concentración parcelaria na comarca, que contará cun investimento de 3,3 millóns de euros que permitirán afondar na reorganización da base territorial das explotacións para facelas máis rendibles.

O Plan para a consolidación de infraestruturas, cun orzamento de 1,7 millóns de euros, permitirá manter a rede de infraestruturas agrarias da Limia e incrementar a viabilidade das explotacións. As actuacións previstas abranguen máis de 109.000 metros de terreos da comarca e comprenden a mellora dos camiños agrícolas máis importantes para facilitar o tránsito da maquinaria e o transporte das producións agrarias aos centros de comercialización, así coma a limpeza de cunetas e beiravías e a mellora da drenaxe dos desaugadoiros.

O Programa de Infraestruturas do Medio Rural, PEIM, busca mellorar e dignificar a calidade de vida da poboación rural. O seu orzamento para esta comarca ascende a 969.000 euros, que se van destinar a reforzar e a complementar as actuacións do Plan Especial de Infraestruturas. En concreto, dedicaranse fundamentalmente ao rasanteo da explanada dos camiños, ao aporte de novo firme asfáltico, á roza de cunetas e beiravías, así como actuacións na rede de saneamento. Unhas accións que roldan preto de 23.000 metros de terreo dos diferentes concellos da Limia.

Referencias:

 Filed under: En destaque
06/07/2007

O BNG propón a elaboración dun Plan para a posta en valor do patrimonio histórico e arqueolóxico de Xinzo

200707-foto-restos-thumb.jpg

A vila de Xinzo é especialmente rica en restos arqueolóxicos. Contamos con zonas extensas cheas de xacementos que nos falan da permanencia continua de poboadores dende tempos inmemoriais ata os nosos días. Todos temos a responsabilidade de facer o posible para que as xeracións vindeiras coñezan e disfruten deste patrimonio único.

Respectando os dereitos lexítimos dos propietarios actuais, pensamos que dende a institución municipal se poden artellar mecanismos que compatibilicen a expansión inmobiliaria coa posta en valor do noso patrimonio histórico e arqueolóxico. Trataríase de deixar á luz pequenas mostras significativas e representativas en distintos puntos da vila, do mesmo xeito que xa se está a facer en moitos outros lugares de Galiza (Compostela, Lugo, …) e doutras partes do estado e da UE (Zaragoza, Venecia, París,…). Estas actuacións puntuais poderían complementarse coa construción, nun lugar rico en restos arqueolóxicos, dun futuro Centro de Interpretación.

Dende o BNG propoñemos a constitución dunha Comisión Especial formada por todos os grupos políticos, aberta a participación puntual dos veciños, asociacións, técnicos, personalidades, etc.. co fin de analizar, debater, contrastar pareceres e chegar a acordos en todos os ámbitos cun obxectivo final: elaborar un gran proxecto que garanta, de agora en diante e definitivamente, o coñecemento da historia de Xinzo de Limia a traveso dos restos soterrados.

Referencias:

05/07/2007

Moción sobre a valorización do Patrimonio Histórico e Arqueolóxico

Tras os recentes achádegos arqueolóxicos atopados na rúa X.C. Romero Nieto, que veñen a lembrarnos máis unha vez a riqueza que se agocha baixo os nosos pés, faise urxente que dende o Concello se tomen medidas que conxuguen o lexítimo interés particular co interés xeral para atopar fórmulas que nos permitan rescatar e coñecer esta riqueza para deixarlla como herdanza as xeracións vindeiras e ao mismo tempo tirarlle partido dende o punto de vista cultural e turístico.

 Filed under: Grupo Municipal,Mocións

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

206 queries - 0,235 segundos | Powered by WordPress