#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

25/11/2013

A oposición convoca un pleno para que o alcalde explique as acusacións de “desviación de poder e indicios de prevaricación”

SAMSUNG

Todos os grupos da oposición forzan ao alcalde, Antonio Pérez, a que explique as sentenzas condenatorias polas contratacións realizadas no 2012.

Xinzo da Limia, 25 de novembro de 2013. Os grupos políticos que integran a oposición no Concello de Xinzo (BNG, PSdeG-PSOE, APGA, AIDAL e ANOVA) rexistraron esta mañá unha petición conxunta solicitando a celebración dun pleno extraordinario para que o alcalde, Antonio Pérez, dea conta e explique a todas as veciñas e veciños de Xinzo a súa situación xurídico-procesal logo das sentencias emitidas polos Xulgados do Contencioso-Administrativo nº1 e nº2 de Ourense a raíz das denuncias da Avogacía do Estado polas contratacións de persoal laboral temporal feitas polo Sr. Pérez, ignorando os informes preceptivos de Secretaría e Intervención, sen os correspondentes procesos de selección e contravindo o RDL 20/2011.

Nestas sentenzas, coñecidas os pasados días 12 e 13 de novembro, os maxistrados proceden á anulación das contratacións e cualifican a actuación do Sr. Pérez como de “desviación de poder e indicios de prevaricación”, “conduta irregular e constante realizada con plena consciencia da súa ilicitude por manter en nómina a determinadas persoas con contratos temporais, pese aos reparos do secretario e do interventor” e de “incumprimento groseiro e consciente por parte do mandatario que podería ser constitutivo dun delito de prevaricación”. Ao tempo, ordenan (unha vez a sentenza sexa firme) a remisión do expediente ao Xulgado de Primeira Instancia de Xinzo para que proceda a investigar as responsabilidades penais que se puideran derivar por parte de Sr. Pérez.

Dada a gravidade das acusacións e as abondosas testemuñas e documentación administrativa que as avalan, a partires deste intre a situación do Sr. Pérez só pode evolucionar a peor, polo que a única saída lóxica pasa pola súa dimisión inmediata e irrevogábel. O Concello de Xinzo non pode estar gobernado por unha persoa que incumpre sistemática e conscientemente a normativa en materia de contratación e os veciños e veciñas non se poden permitir un alcalde e un goberno municipal á deriva e baixo sospeita permanente.

31/07/2013

Pleno extraordinario e urxente 1-8-2013

Mañá, quinta-feira (xoves), 1 de agosto, ás 11:00h celebrase un pleno extraordinario e urxente segundo a orde do día que se acompaña. Neste pleno aprobaranse os orzamentos do Concello de Xinzo para o ano 2013.

Será un plenario atípico xa que, na honra das vítimas do sinistro ferroviario de Santiago de Compostela do pasado día 24, e malia ter rematado xa o período de loito oficial, os diferentes grupos municipais chegaron ao acordo de celebrar este pleno sen debate, co cal unicamente se procederá á votación dos diferentes puntos da orde do día.

O BNG de Xinzo traslada as súas condolencias e o seu total apoio ás familias das vítimas deste terrible accidente ferroviario que ten conmocionado a Galiza e súmase a todos os actos convocados para expresar o seu pesar pola traxedia. Igualmente, trasladamos o noso apoio e solidariedade aos feridos hospitalizados, que son a primeira prioridade, aos que desexamos unha pronta e completa recuperación.

 Filed under: Axenda,Grupo Municipal
11/06/2013

Contra a minaría salvaxe e contaminante

20130611-capa

O BNG solicitará o pronunciamento do Concello de Xinzo en contra da macro-minaría salvaxe mediante una moción presentada para o seu debate no vindeiro pleno.

Xinzo da Limia, 11 de xuño de 2013. A explotación dos recursos mineiros, e particularmente dos metais, está controlada por grandes empresas transnacionais que operan baixo criterios especulativos aplicando prácticas neocoloniais. O seu alto prezo nos mercados fai que procuren beneficio rápido a costa do grave impacto ambiental e riscos para a saúde das persoas.

Corcoesto, en Bergantiños, O Ribeiro, Celanova, as Fragas do Eume, a Serra do Galiñeiro, a Terra Chá ou a Limia están baixo esta ameaza. Na Galiza existen 520 explotacións mineiras e as concesións chegan a abranguer máis da metade da superficie do país. A maior parte destas foron autorizadas e perviven na actualidade grazas a normas aprobadas no réxime franquista. Nin a Xunta de Galiza nin o goberno do Estado teñen o menor interese en mudar esta situación. O Plan Sectorial de Actividades Extractivas, encargado ás empresas do sector mineiro (Cámara Mineira de Galiza) e furtado á participación das entidades sindicais, ambientalistas, veciñais e profesionais, ameaza espazos naturais protexidos e os concellos e as persoas afectadas non contan, tampouco a ordenación urbanística local.

A minaría a ceo aberto e a fractura hidráulica ou “fracking” son actividades con graves impactos sobre o medio ambiente. Trátase dunha minaría salvaxe, que produce a destrución física do territorio, elimina e contamina o solo e os acuíferos, consume grandes cantidades de enerxía e auga e manexa substancias tóxicas que poden ter graves consecuencias. Pon en perigo a saúde, a calidade de vida, os recursos e os medios de vida tradicionais e sustentábeis das persoas. Os supostos (e sempre interesadamente esaxerados) beneficios non compensan os prexuízos ambientais e socio-económicos derivados en outros recursos naturais, forestais, agro-gandeiros, pesqueiros, hídricos, de lecer ou turísticos, e para a saúde humana.

Existe un clamor para que se suspendan os permisos e concesións en tramitación, que se prohiba a macro-minaría a ceo aberto e a minaría con cianuro. Galiza debe ser soberana na explotación dos seus recursos, o aproveitamento dos mesmos debe ser considerado estratéxico, decidido desde aquí en función dos nosos intereses e tutelado desde os poderes públicos para garantir a sustentabilidade ambiental e social dos proxectos.

A ameaza dos feldespatos na Limia persistirá mentres non se mude a lei

Dende o BNG seguiremos a reclamar unha lexislación que nos blinde definitivamente contra este tipo de minaría, xa que nada impide que a explotación de feldespatos volte ao ataque nun futuro próximo cunha normativa máis favorábel, nin que novos proxectos, como o LUIS-4943 que denunciamos hai unhas semanas, ou outros novos poidan botar a andar en calquera intre.

15/04/2013

O BNG de Xinzo rexeita o copago nos comedores escolares que pretende impoñer a Xunta do PP

Levaremos ao próximo pleno unha moción rexeitando este novo copago e promoveremos accións informativas apoiando as mobilizacións de protesta das nais e pais afectados.

Xinzo da Limia, 12 de abril de 2013. O pasado 12 de marzo, o goberno do PP na Xunta de Galiza anunciaba a ampliación do copago do servizo de comedor escolar, un novo recorte no dereito á educación dos galegos e galegas. Con esta decisión o PP carga sobre as precarias economías das familias a obriga de facer fronte ao pago dun servizo necesario para garantir o Dereito á Educación.

Esta actuación do goberno do PP na Xunta de Galiza evidencia a súa despreocupación polo ensino público, provocando o seu deterioro polos sucesivos recortes dos últimos anos: recortes no número de profesores e profesoras, recortes nos orzamentos dos centros, recortes nas axudas para libros, nas axudas para bibliotecas, atrasos nas transferencias económicas para comedores escolares, recorte no servizo de comedores, empeoramento das condicións socio-laborais do profesorado, recortes nos servizos de normalización lingüística e unha longa cadea de despropósitos que deterioran un servizo público básico da sociedade.

Pola contra, todos estes recortes no ensino público contrastan cos 240 millóns de subvención ao ensino concertado, ou cos 3 millóns de euros de subvención para centros que segregan ao alumnado por razón de xénero que o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarou ilegal.

O BNG de Xinzo levará ao próximo pleno unha moción rexeitando este novo copago e promoverá accións informativas apoiando as mobilizacións de protesta das nais e pais afectados por está decisión de Nuñez Feijóo que pretende facer caixa a conta da comida dos nenos e nenas dos centros públicos.

27/12/2012

Pleno ordinario 27-12-2012

Hoxe, quinta-feira (xoves), 27 de decembro, ás 11:00h celébrase o derradeiro pleno ordinario do ano segundo a orde do día que se acompaña.

Como tema máis reseñábel a tratar destacamos:

* Aprobación das Propostas de actuación prioritarias e inmediatas para a racionalización administrativa e regulación dos RRHH municipais.
* Aprobación liquidación da Mancomunidade de Concellos da Limia.
* Adhesión ó Convenio-Marco da Excmª Deputación Provincial relativo á rede provincial de canceiras.

27/06/2012

O BNG presenta un grupo municipal renovado que garante a continuidade do traballo a prol dos veciños e veciñas de Xinzo

O BNG completa a renovación do grupo municipal coa incorporación de Ramiro Rodríguez e Xosé-Lois Carreira en substitución dos compañeiros que renunciaron ás súas actas.

Xinzo da Limia, 27 de xuño de 2012. Logo da renuncia ás súas actas de concelleiros dos compañeiros Amador Díaz e Lucía Nóvoa, materializada no último plenario municipal, os seus substitutos serán Ramiro Rodríguez Suárez, que así mesmo será o novo portavoz municipal, e Xosé-Lois Carreira López.

Ramiro Rodríguez foi concelleiro dende o 2004 ata o ano pasado e no período 2004-2007 xa se encargou da portavocía. Nas eleccións do 2011 figuraba no número catro da lista do BNG.

Xosé-Lois Carreira ocupaba o posto seis da lista e, aínda que esta será a súa primeira experiencia nun cargo de representación, conta cunha acreditada traxectoria política xa que desempeñou as tarefas de Responsábel Local do BNG de Xinzo dende o ano 2008.

Ramiro Rodríguez tomará posesión da súa acta este mesmo xoves, mentres que Xosé-Lois Carreira deberá agardar aínda pola resolución dos trámites administrativos previstos na lexislación vixente logo da renuncia da candidata que ocupaba o posto cinco da lista.

Continuidade do traballo de oposición

Con este relevo o Bloque Nacionalista Galego seguirá a contar con grupo municipal propio no Concello de Xinzo o que garante a continuidade do traballo dos últimos anos: unha oposición esixente e construtiva co único obxectivo de defender os dereitos dos veciños e veciñas e, ao tempo, ofrecer unha alternativa de goberno seria e críbel.

Agradecementos a Amador e Lucía pola súa laboura

Así mesmo, o Grupo Local do BNG de Xinzo quere facer público o seu agradecemento a Amador Díaz e Lucía Nóvoa pola laboura realizada, no caso de Amador nesta última etapa de cinco anos especialmente frutífera dende o ponto de vista do traballo incansábel de elaboración e presentación de propostas e de denuncia das desfeitas dos gobernos “populares” que se viu recompensado cun importante crecemento do apoio electoral.

08/03/2012

Pleno ordinario 8-3-2012

Hoxe, quinta-feira (xoves), 8 de marzo (Día da Muller Traballadora), ás 11:00h celébrase o pleno ordinario segundo a orde do día que se acompaña.

Destacamos a aprobación, a iniciativa do BNG, dunha moción instando á execución do regadío así como a adopción de diferentes medidas encamiñadas á mellora e potenciación do sector da pataca.

29/12/2011

Pleno ordinario 29-12-2011

Hoxe, quinta-feira (xoves), 29 de decembro, ás 11:00h celébrase o pleno ordinario segundo a orde do día que se acompaña.

Destacamos a previsíbel aprobación por unanimidade dunha moción do BNG instando o mantemento do servizo “Preescolar na Casa” na súa configuración actual, cando menos.

 Filed under: Axenda,Grupo Municipal
Páxinas: 1 2 3 4 5 6 7 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

208 queries - 0,201 segundos | Powered by WordPress