#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

02/01/2013

O Goberno do PP rexeita en tempo record as alegacións presentadas polo BNG á suba das taxas da auga

Tal como anunciamos hai unhas semanas, o día 26 de decembro presentamos as alegacións ás ordenanzas fiscais nº7, reguladora da taxa polo servizo de rede de sumidoiros e pola prestación do servizo de tratamento e depuración de augas residuais e nº9, reguladora da taxa pola subministración de auga a domicilio. O servizo de rede de sumidoiros e mais o de tratamento e depuración de augas residuais soben un 31% para o ano que ven, mentres o de abastecemento de auga sofre un incremento do 5,57%. Estas subas veñen a afondar no sobre-custe que xa pagan os veciños e veciñas de Xinzo por estes servizos como consecuencia da adxudicación, sin concurso público, feita á concesionaria no anterior mandato.

O argumento principal no que baseabamos a nosa petición de anular a suba era a inexistenza da preceptiva memoria económico-financeira que obriga o Art.20 da Lei 8/1989, de 13 de abril, de Taxas e Prezos Públicos.

Cunha rapidez e dilixencia impropias da actual equipa de Goberno do PP, procederon a redactar en tempo record unha resolución desestimando as nosas alegacións a punto para ser aprobada no Pleno Ordinario do día 27 de decembro e, deste xeito, que a suba nas taxas poidera serlle aplicada aos veciños e veciñas de Xinzo dende o 1 de xaneiro de 2013. Novamente asistimos á tradicional práctica “popular” de mirar polos intereses da concesionaria en detrimento do peto dos cidadáns de Xinzo.

 Filed under: En destaque
22/11/2012

O BNG empraza ao alcalde a corrixir a suba esaxerada nas taxas de saneamento e depuración

Estas dúas taxas soben un 31% para o ano 2013 mentres que a taxa de abastecemento de auga faino nun 5,57%, dous puntos por riba do IPC de setembro (+3,4%).

Xinzo da Limia, 22 de novembro de 2012. No pleno da semana pasada o grupo de goberno do Partido Popular no Concello de Xinzo aprobaba, en solitario, unha suba xeneralizada de taxas e impostos co achaque de repercutir o IPC de cara ao vindeiro exercicio.

Unha vez revisadas e comparadas coas taxas vixentes na actualidade obsérvase que, no caso da taxa polo servizo de rede de sumidoiros e pola prestación do servizo de tratamento e depuración de augas residuais (ordenanza fiscal nº7), a suba aplicada é escandalosamente superior ao IPC, de feito, case dez veces máis. En concreto, no capítulo I: Servizo de rede de sumidoiros, pasa de 0,154502€/m3 a 0,203149€/m3 (+31,49%), mentres que no capítulo II: Servizo de tratamento e depuración de augas residuais, pasa dos actuais 0,241€/m3 a 0,316342€/m3 (+31,26%). De manterse a suba nestes termos a empresa concesionaria do servizo podería beneficiarse duns ingresos “extra” estimados en 160 mil euros anuais como consecuencia do exceso de tarificación con respecto ao que correspondería coa suba do IPC contemplada legalmente no contrato de adxudicación.

Por outra banda a taxa pola subministración de auga a domicilio (ordenanza fiscal nº9) sobe significativamente por riba do IPC pasando por exemplo a tarifa ata 30m3 de consumo trimestral de 0,200834€/m3 a 0,212024€/m3 (+5,57%). O resto de tramos tamén experimentan a referida suba do 5,57%.

O BNG de Xinzo votou en contra desta suba de taxas e impostos no actual contexto de crise económica e emprazamos ao alcalde, Antonio Pérez, a que dea marcha atrás e corrixa a situación. De non tomarse medidas de xeito inmediato presentaremos unha alegación para obrigar ao PP a rectificar, xa que esta suba é absolutamente desproporcionada e inxustificada, máxime tendo en conta que os veciños e veciñas de Xinzo xa viñan pagando polos servizos de abastecemento, saneamento e depuración unha das tarifas máis caras de toda Galiza.

25/11/2010

O BNG de Xinzo tentará deter por segunda vez as medidas regresivas e de incremento de taxas e impostos propostas polo goberno do PP

Aínda só pasaron vinte días dende o pleno ordinario celebrado a principios de mes, o primeiro tras o troco na Alcaldía e a remodelación do Grupo de Goberno do PP, e o novo alcalde, Antonio Pérez Rodríguez, volve ao ataque coa intención de aprobar medidas contra dos intereses dos cidadáns de Xinzo.

No pleno de mañá o Sr. Pérez teima en aprobar a suba do IBI xa rexeitada con anterioridade, para dar cumprimento a un ficticio plan de saneamento que, ao final, só consiste en incrementar a presión fiscal sobre os veciños sen ningún outro tipo de medidas encamiñadas a conter e reducir os gastos do Concello. Boa proba deste feito é a intención do minguado grupo de goberno “popular” de reverter os efectos da moción aprobada no pleno do 4 de novembro, a iniciativa do BNG, para reducir dietas e eliminar a fraudulenta adicación exclusiva da Concelleira de Deportes, medidas que, por si soas, supoñen un aforro duns 80 mil euros. Pois ben, o PP pretende sacar adiante a suba das dietas e aprobar de novo a escandalosa adicación exclusiva da súa concelleira, que cobraba por este cargo cando realmente exercía de traballadora do Concello no posto de monitora deportiva.

A maiores engádese nesta ocasión a revisión de tarifas de abastecemento de auga, saneamento e depuración para aplicarlle a suba do IPC. Neste senso dende o BNG propuxemos, en defensa dos intereses dos veciños e veciñas, a conxelación das mesmas xa que o ano pasado o IPC foi negativo (-1%) e as tarifas non se revisaron á baixa como correspondería e como nós reclamamos nunha moción presentada a finais de ano, co cal o máis acaido sería que este ano a suba do IPC (+2,1%) sexa asumida pola adxudicataria, que xa ingresou unha cantidade extra no exercicio anterior e que vai ingresar 137 mil euros como resultado do recoñecemento que lle pretende facer o goberno do PP dun teórico desfase pola non aplicación das tarifas aprobadas no 2008 ata o segundo trimestre do 2009, co cal ten sobradamente garantido o mantemento do equilibrio económico e financeiro da concesión.

En resumo, moito nos tememos que Antonio Pérez aínda non é plenamente consciente da nova situación política por el propiciada co asalto intempestivo á Alcaldía do pasado mes de outubro e, de non mediar ningunha circunstancia anómala, todas estas medidas contrarias aos intereses do pobo serán previsibelmente rexeitadas mañá polo pleno, co cal terá que baixarse da burra e pensar en gobernar contando cos veciños e veciñas.

28/09/2010

Amador Díaz denuncia a descomposición caníbal do Goberno do PP de Xinzo trala negación da planta de lamas fecais

20100928-capa

O portavoz municipal de Xinzo, Amador Díaz, denuncia que a negativa e descoñecemento do alcalde “evidencia a descomposición caníbal do goberno de Xinzo e o total abandono do interese xeral da xente”.

Despóis de sair publicada a súa adxudicación definitiva no B.O.P. 21 de setembro de 2010, trala posta a disposición dos terreos e despois de rexistrar a semana pasada un escrito do BNG solicitando información a cerca da ubicación concreta da Planta de Tratamento de Lamas Fecais, “ou minten ou están a outra cousa fora da realidade e o interese veciñal”.

Desconfianza veciñal

Amador Díaz pon de manifesto que dita planta “tratará os lodos que se producen nas fosas sépticas da meirande parte da provincia de Ourense cando o goberno do PP deixou sen saneamento a vinte pobos do rural e máis de vinte rúas perimetrais urbanas de Xinzo e nin foi quen de pedirlle a concesionaria Aquagest que extendera as redes de saneamento a cambio do contrato de concesión exclusiva que se lle deu ata o 2046”. Ademais, critica a falla de total de transparencia e de información aos veciños por parte do concello, o mesmo que no caso da Planta Provincial de Refugallos de Morgade, onde nin tan sequera puideron presentar alegacións en tempo e forma.

Preocupación pola deriva do PP

Neste sentido, denuncia que estas políticas do PP encamiñadas a converter a Xinzo nun vertedoiro, “negando a existencia de proxectos publicados no B.O.P., ocultando a información, pisando dereitos básicos e os intereses da xente, é un síntoma claro da deriva do PP cara o desgoberno total, froito dunha descomposición sucesoria caníbal que despreza e abandona aos veciños e veciñas de Xinzo fronte a conveniencias persoais e partidistas”.

Documentos:

27/09/2010

Pérez Bouza e Amador Díaz denuncian que o PP quer converter a Xinzo no vertedoiro de Ourense

20100927-capa

O responsábel comarcal de A Limia e senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, e o portavoz municipal de Xinzo, Amador Díaz, fixeron unha rolda de prensa esta mañá en Ourense para denunciar que “o PP pretende converter a Xinzo de Limia no vertedoiro da provincia de Ourense”.

Ambos referíanse á intención do concello de Xinzo, gobernado polo PP, de ubicar alí unha planta de ámbito provincial de tratamento de residuos fecais. Os dous responsábeis políticos explicaron que xa “estableceron na aldea de Morgade, unha planta de tratamento de residuos procedentes da construcción, e agora, teñen a intención de situar na propia vila de Xinzo unha planta de tratamento de lamas fecais”.

Malestar veciñal

Puxeron de manifesto que dita planta “trataría un tercio dos lodos que se producen nas fosas sépticas da provincia de Ourense”. Neste sentido, fixeron un chamamento ao PP para que cambie as súas políticas e no canto de converter a Xinzo nun vertedoiro “realicen investimentos que traian riqueza, dinamismo económico e postos de traballo á  vila”.

Ademáis, critican a falla de transparencia e de información aos veciños por parte do concello, o que “está a provocar desconfianza e preocupación na cidadanía polo temor ás consecuencias que a planta poida provocar: os cheiros, os ruidos, a circulación de  tráfico rodado, entre outras”.

Nesta cuestión, enfatizaron a grande cantidade de queixas que a Oficina de Información ao Cidadán do BNG está a receber pola ubicación futura da mencionada planta. Lembran os dous responsábeis políticos que xa cando se estableceu a planta de Morgade, o concello se saltou todo tipo de información aos veciños.

Esta é a razón pola que o BNG de Xinzo de Limia decidiu presentar unha pergunta ao concello demandando transparencia e información, sobre todo no que atinxe ao lugar onde se vai ubicar.

En Xinzo “pagamos as taxas máis altas por depuración de augas”

Outras das cuestións que subliñaron é a privatización do servizo de depuración de augas que levou a cabo o Grupo de Goberno do PP, posto que lle concedeu a xestión á empresa Aquagest até o ano 2046. No contrato asinado esta empresa comprometíase a facer a conexión para a depuración das augas a todos aqueles veciños que carecen do servizo. “En Xinzo pagamos as taxas máis altas por depuración de augas non só de Ourense senón de Galiza” máis a empresa citada aínda non cumpriu o acordado e “moito nos tememos que non o fagan”, advertiron.

Referencias:

17/12/2009

O Pleno aproba unha moción do BNG para potenciar o Comercio local de cara ás datas do Nadal

No pleno ordinario de hoxe aprobáronse sendas mocións do BNG nas que se propoñían ao Concello accións inmediatas de cara a este Nadal que axuden a potenciar as vendas do noso comercio e de apoio a Aminatou Haidar. O BNG solicitou do grupo de goberno tres medidas: dúas horas de gratuidade no aparcamento da Praza de Carlos Casares a quen merque nalgún establecemento de Xinzo, unha campaña convidando a facer as compras na localidade e un especial coidado dos operarios do Concello e da Policía Local para facilitar e facer máis agradábel a estancia dos visitantes na nosa vila. Somos conscientes de que son medidas cativas, paliativas dunha situación de deterioro que ven de longo, e que a verdadeira solución viría da man de accións estruturais de máis calado como as que leva propoñendo o BNG nos últimos anos: potenciación do tecido asociativo dos comerciantes, humanización da vila, criación dunha marca de calidade identificada con Xinzo asociada a un Centro Comercial Aberto, eliminación do tráfico pesado do núcleo do pobo mediante a circunvalación, posta en marcha dun sistema de transporte comarcal, etc.

Outra das nosas mocións, que quedou pendente para tratar nunha comisión informativa ordinaria, propoñía aplicar a baixada do IPC de setembro de 2009 (-1%) ás taxas de abastecemento, saneamento e depuración que se revisan anualmente conforme a este índice. Do mesmo xeito que cando subía o IPC repercutía na tarifa do servizo, agora que baixa consideramos de xustiza lle sexa trasladado este descenso ás veciñas e veciños en forma de baixada das taxas correspondentes.

Xa dentro dos puntos da orde do día o PP aprobou en solitario o recoñecemento dunha débeda de 166.000 euros, que lle reclama a concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento ao Concello polo téorico desfase de ingresos no primeiro e segundo trimestres de 2009 como consecuencia da non entrada en vigor das tarifas aprobadas o ano pasado. Para nós resulta incomprensíbel que se recoñeza esta suposta débeda sen un estudo que a contraste por parte dos técnicos municipais, co informe en contra da Interventora e co único aval dunha relación de facturas e partes de traballo presentadas pola propia concesionaria. Logo de hipotecar a xestión municipal nesta materia para os vindeiros coarenta anos o alcalde, Isaac Vila, non ten ningún escrúpulo en seguir xogando co diñeiro de todos alegremente e co único aval que lle da dispoñer da maioría absoluta.

Outro ditame, aprobado por unanimidade, reclama da Xunta a suspensión do polémico Decreto 411/2009, do 12 de novembro, polo que se declara a ZEPA da Limia, mentres non se garanta a compatibilidade coas prácticas agrarias actuais. A mesma ZEPA que foi imposta por Feijóo, sen consenso nen negociación, logo de ter prometido en campaña o contrario.

Relacionadas:

29/10/2009

O PP rexeita debatir sobre a ZEPA porque “non sabe como está a cousa”

No pleno ordinario de hoxe tratáronse varios temas de interese para os veciños de Xinzo que brevemente imos a resumir.

En primeiro lugar, como un punto destacado da orde do día, aprobouse a suba do IBI para o ano 2010, pasando ao 0,41% en urbana e 0,36% en rústica, co voto en contra do BNG xa que isto é consecuencia do Plan de Saneamento Económico-Financeiro aprobado no pleno de 17 de xuño ao abeiro do RD. 5/2009. Xa daquelas estivemos en contra porque a medida estrela que propoñía Isaac Vila era subir progresivamente o IBI nos vindeiros catro anos para devolver o crédito de 2M de euros concertado. Coma sempre o PP predica unha cousa para os demais e fai o contrario onde goberna. Nestes tempos de crise suben os impostos e encarecen as taxas polos servizos pobres que prestan aos veciños de Xinzo.

Logo por unanimidade aprobouse unha moción nosa sobre os Regadíos pendentes que solicitaba o compromiso previo á firma do convenio entre as Comunidades de Regantes da comarca da Limia, a Xunta de Galiza (Consellaría do Medio Rural) e SEIASA do Norte, para que se lles presenten aos regantes os proxectos de obra definitivos, incluíndo os custos totais dos mesmos, co obxectivo de que estes teñan claro a contía que van ter que achegar.

Nas mocións de urxencia presentamos una iniciativa ao respeito do escándalo dos recibos de auga do terceiro trimestre para que se analizara a situación e se deran explicacións e outra sobre a declaración escurantista da ZEPA da Limia que está a tramitar o PP na Xunta. O Grupo de Goberno aceptou incluir nunha Comisión Informativa convocada para o vindeiro martes as nosas teses no tocante ao dos recibos e rexeitou a urxencia da moción da ZEPA xa que segundo o Alcalde “non sabe como está a cousa” e ten que informarse. Proba evidente de que o que nós denunciamos na nosa moción é totalmente reflexo da realidade: o PP está a tramitar a declaración de ZEPA de espaldas aos afectados, sen negociar, sen información, sen explicar a súa proposta e sen contar cos veciños e veciñas da Limia.

Referencias:

24/10/2009

O BNG denuncia unha posíbel fraude na emisión dos recibos correspondentes ao terceiro trimestre do servizo municipal de augas de Xinzo

20091024-capa

Trala demanda de explicacións feita o pasado mércores, 21 de outubro, tanto ao Grupo de Goberno do PP como á empresa concesionaria do servizo, pola emisión de facturas con importes desproporcionados, a Área de Economía do BNG de Xinzo puido constatar ao longo desta semana despois de revisar preto de cen casos tanto de particulares como de empresas e cotexalos coa media que viñan aboando, que o importe destas facturas non se axusta a unha lectura real e periódica dos contadores senón que, pola contra, é froito da aplicación reiterada por parte da empresa dunha lectura estimativa á baixa desde que fora aprobada a nova taxa de saneamento a finais de 2008 e que agora, en setembro, ao realizarse a lectura real obriga a corrixir o desfase aplicando toda a diferenza e carga do consumo nun só recibo.

Esta práctica fraudulenta chegou ao disparate esta semana coa aparición duns recibos de auga e saneamento cun importe desorbitado e inasumíbel, dado que o aumento ficticio de consumo propiciado polo desaxuste das lecturas fai que o gravame se disparara de xeito exponencial dando como resultado unhas facturas ata 50 veces máis altas do normal como consecuencia da aplicación da facturación por tramos.

É por todo elo que o BNG esixe, tanto do Concello como da empresa concesionaria, unha rectificación pública inmediata, así como a urxente retirada e anulación das recentes facturas emitidas ata que non sexa asumida e depurada por parte do Grupo de Goberno a razón deste dislate, e anima aos veciños afectados a non aboar os seus recibos mentres non se corrixan os erros. Do mesmo modo activaranse unha serie de medidas e iniciativas institucionais no vindeiro Pleno do xoves 29 de outubro encamiñadas a avanzar e consolidar unha mellor e máis eficiente prestación deste servizo básico.

Para o BNG estes feitos constatan que a xestión de Isaac Vila con 30 anos de experiencia municipal non lle sae barata á veciñanza da Limia. Trala mentira electoral de “con Feijoó menos taxas” chegou a hora da verdade da falla da profesionalidade e a fraude ao que cabe engadir unha concesión multimillonaria ata 2043 e as taxas de saneamento, aprobadas polo PP, máis altas de Galiza.

Referencias:

Páxinas: 1 2 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

208 queries - 0,360 segundos | Powered by WordPress