#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

22/04/2013

O BNG desconfía dos motivos para a posta en marcha da ORA no núcleo da vila de Xinzo

20130422-capa

Se os verdadeiros obxectivos do PP fosen desconxestionar a circulación e gañar en seguridade hai anos que se tería avanzado na nosa proposta do ano 2006 para elaborar un estudo e un proxecto de circunvalación ao núcleo de Xinzo.

Xinzo da Limia, 22 de abril de 2013.Hoxe o grupo de Goberno do PP no Concello de Xinzo anunciaba a súa intención de aprobar unha Ordenanza Reguladora do Aparcamento (ORA) nas rúas céntricas da nosa vila sob os achaques de “desconxestionar a circulación e gañar en seguridade”, loxicamente estes son os argumentos de manual cos que o Alcalde, Sr. Pérez, tentará venderlle a moto aos veciños e veciñas de Xinzo mais que baten de fronte coa realidade xa que unha medida illada como esta consistente en cobrar por aparcar non vai contribuír a desconxestionar a circulación nin se vai gañar en seguridade.

Se esta fose a verdadeira preocupación do PP xa hai anos que se tería avanzado na nosa proposta do ano 2006 para elaborar un estudo e un proxecto de circunvalación ao núcleo de Xinzo que recollera todo o tráfico pesado que ven de Portugal, Os Blancos, Vilar de Santos, etc. e o conducira á autovía evitando pasar polo medio do pobo. Así mesmo o Sr. Pérez tería tomado medidas para a posta en valor do infrautilizado aparcadoiro soterrado da Praza Carlos Casares impulsando un acordo a tres bandas entre Concello, comerciantes e empresa concesionaria para bonificar o uso do mesmo aos clientes que merquen nos comercios de Xinzo.

Ao final no único no que se concretará esta nova medida, malia o desmentido do Sr. Pérez do seu “afán recadatorio”, será nunha nova fonte fixa de ingresos para o Concello polos conceptos do propio pago do aparcamento, así como das eventuais sancións que vaia a dar lugar o seu incumprimento.

30/04/2010

O Alcalde acepta a proposta do BNG para crear un área de Estacionamento para vehículos pesados

No Pleno ordinario de onte o Alcalde aceptou estudar en Comisión a idea proposta polo BNG de crear un Área de Estacionamento e Descanso para o sector do transporte con todas as garantías de seguridade: control de acceso, tele-vixilancia, etc.

Despois de asistir ao segundo roubo dunha cabeza tractora en similares circunstancias nos últimos anos, cómpre ofrecer unha solución que, como xa recolliamos no noso programa electoral do 2007, pasa pola creación desta zona de descanso.

Outra consecuencia positiva sería a mellora no ordenamento urbano ao eliminar os vehículos pesados que a cotío empregan algunhas rúas da vila como aparcadoiro improvisado. Na nosa moción tamén propoñemos abordar unha restruturación da Policía Local para artellar un turno de noite permanente que redundaría en máis seguridade para todas as veciñas e veciños de Xinzo.

Ordenanzas de Axuda no Fogar e Plan de Encauzamento do Limia

Aprobaronse as novas ordenanzas que regulan o funcionamento do servizo de Axuda no Fogar e as taxas a aplicar, así como o Plan de Encauzamento. Para o BNG a existencia deste plan está máis que xustificada e ven avalado polos informes dos técnicos do Concello e da Confederación Hidrográfica. En todo caso este plan non é un proxecto de execución e no BNG estaremos atentos para que a súa futura realización práctica se faga co mínimo impacto posíbel.

Planta de tratamento de refugallos da construción

A instalación desta infraestrutura nas imediacións de Morgade carece da máis mínima planificación e racionalidade e está chea de incógnitas e puntos escuros.  Xa o pasado 12 de abril o Portavoz Municipal do BNG presentaba un escrito solicitando acceso ao expediente municipal da citada obra, obtendo resultado negativo xa que no Concello non se tramitou ningunha licencia nin existía coñecemento sobre a actuación que ía ser executada.

Desde a alcaldía alúdese á suposta supramunicipalidade para xustificar este descoñecemento, mais isto xa é en si mesmo unha irregularidade porque o proxecto debía figurar en poder do Concello antes do inicio dos traballos.

O Grupo Municipal do BNG entende que esta instalación non cumpre os requisitos do Decreto 80/2000, da Xunta de Galiza, que regula os plans e proxectos de carácter supramunicipal polo que sería potestade e competencia do Concello outorgar ou denegar as correspondentes licencias de obra e de actividade.

Como solicitou o BNG o Alcalde debería decretar a paralización inmediata mentres non se aclarase a situación. Unha vez máis o grupo de goberno do PP fai deixadez absoluta de funcións e en vez de defender aos veciños diante da Xunta e da Deputación faino ao revés e procura xustificar as ocurrencias destas dúas administracións diante dos veciños. Especial mención pola súa incompetencia merece o responsábel de Medio Ambiente, Antonio Pérez Rodríguez, doblemente culposa xa que a súa condición de Deputado Provincial déixao sen nengunha excusa que xustifique o seu descoñecemento da situación.

17 de maio

A anécdota divertida do Pleno protagonizouna, unha vez máis, a Concelleira de Igualdade (e Deputada Nacional), Yolanda Díaz Lugilde, ao amosar as súas reticencias a unha proposta do PSdeG-PSOE que pedía o apoio dos grupos á declaración do día 17 de maio como “Día Internacional contra a Homofobia e a Transfobia”.

Díaz Lugilde, nunha exposición integramente en español, rexeitou a coincidencia co Día das Letras Galegas que podería eclipsar esta celebración, feito que foi denunciado polo noso Portavoz xa que “días das letras galegas deben ser todos e celébranse usando o galego, por exemplo nas intervencións neste pleno”.

Referencias:

17/04/2010

Transporte de Xinzo, sálvese quen poida

O sector do transporte está a amosar a súa total preocupación e incertidume debido a situación de inseguridade e desprotección na que se encontra trala nova vaga de roubos de tráilers que durante este mes de abril de 2010 está a asolar as principais cidades da provincia como Carballiño, Lalín, Verín e Xinzo, en moitos casos como o da capital da Limia de xeito reincidente e apuntando a existencia dunha trama organizada que opera en toda a provincia con destino ao mercado negro de Portugal, países do este ou norte de África.

Para o BNG o caso da Limia é especialmente preocupante e significativo dado que nos últimos anos ten sido sustraídos dous tráilers de xeito reiterado, co mesmo modus operandi e no mesmo entorno da Rúa Rosalía.

Ante a total pasividade e despreocupación do grupo de goberno do PP por este grave problema para o sector do transporte de Xinzo, que engloba a un cento de profesionais, e ante a total falla dunha alternativa seria do Concello para dotar e viabilizar dun
estacionamento para vehículos pesados con tódalas garantías tanto de seguridade como de ordenamento urbano, o BNG proporá de xeito urxente as seguintes medidas estruturais para o sector:

  • Solución de Emerxencia: inminente acondicionamento dun espazo provisional para o estacionamento seguro e harmónico coa vila de vehículos pesados, dotado asemade de vixilancia privada e conexión a rede de cámaras de seguridade da Policía Local, como podería ser o inoperante Campo da Feira ou similar.
  • Solución definitiva: creación dunha Área de Estacionamento e Descanso para o sector do transporte na parcela de propiedade municipal do Polígono Empresarial de Xinzo, con toda-las garantías de seguridade e equipada asemade con Zona de servizos de aseo e mínima intendencia.
  • Reestruturación e ampliación da Policía Local para a posta en marcha da Quenda de Noite Permanente e dotar así a vila dunha maior e máis eficaz ferramenta a prol da seguridade da veciñanza en xeral e do sector do transporte en particular.

Para o BNG a inoperancia e pasividade total tanto da Alcaldía como da Concellería de Tráfico do Concello de Xinzo é especialmente significativa e preocupante pola manifesta desatención e insensibilidade mostrada con este castigado sector do transporte, onde trala vaga de roubos que está a sufrir desde 2007 a única alternativa que recibiu do Concello foi a creación masiva de zonas prohibidas de estacionamento coñecidas como “liña amarela”. Por todo elo, o Grupo Local do BNG solicitará a dimisión do Concelleiro de Tráfico Antonio Pérez, polo flagrante e neglixente abandono do sector do transporte condenado ao sálvese quen poida.

Referencias:

14/01/2010

O BNG esíxelle á Xunta que se deixe de parches e propoña unha solución seria para a estrada Xinzo-Vilar de Barrio

20100114-capa

Diante da medida adoptada polo Concello de Xinzo de peche cautelar da estrada Xinzo-Vilar de Barrio pola veiga da Lagoa debido ao mal estado da mesma e dos anuncios dos responsábeis municipais de que este problema sería solventado cun reparcheado do firme, no BNG de Xinzo non dubidamos en cualificar esta “solución” como chapuceira e moi propia dos gobernos populares tanto de Vila no Concello como de Feijóo na Xunta, especialista en crear problemas onde non os había e adiar ou “parchear” os problemas reais para os que a xente lle demanda solucións efectivas.

A finais do 2008 o Grupo Municipal do BNG, consciente da situación desta estrada e da necesidade de artellar o tráfico arredor dela, presentaba unha moción instando ao Concello a que se dirixira á Xunta de Galiza para solicitar a conversión desta vía nunha estrada autonómica. A devandita moción foi debatida en Comisión e aprobada definitivamente por unanimidade (PP-PSOE-BNG) no Plenario do 18 de decembro dese mesmo ano. Como xa razoamos no seu momento, ademais do lamentábel estado do firme, os principais problemas son o límite de velocidade máxima (60km/h) habitualmente superado polos vehículos que circulan por ela e a súa concepción como pista agrícola que fai que conte con multitude de interseccións mal deseñadas e deficientemente sinalizadas. As consecuencias directas destas carencias foron varios accidentes moi graves nos últimos anos e preto dunha ducia de persoas falecidas.

Un ano despois o goberno popular do Concello, en troques de ofrecer unha resposta contundente, volve recuncar en medidas de curto alcance que non serven máis que para agochar o problema. Por isto, o BNG de Xinzo lémbralle ao alcalde, Isaac Vila, que os compromisos adoptados polo Pleno son de obrigado cumprimento e, polo tanto, esíxelle que se dirixa á Xunta de Galiza solicitando unha solución definitiva a esta vía, que precisa dun proxecto ambicioso para transformala nunha estrada coas características de firme, trazado e sinalización axeitadas. Así mesmo demandamos de Feijóo que, logo de mentir e enganar ás veciñas e veciños de Xinzo no tema da ZEPA, comece a ofrecer algunha contrapartida para a comarca en forma de inversión na mellora das nosas infraestruturas.

Referencias:

27/10/2009

O BNG demanda 7 millóns de euros máis para a comarca de A Limia nos Orzamentos Xerais do Estado 2010

O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, presentou hoxe as emendas do BNG aos Orzamentos Xerais do Estado 2010 para mellorar as dotacións para a comarca de A Limia. O BNG rexistrou no Congreso dos Deputados unha serie de emendas aos Orzamentos estatais co fin de mellorar as partidas para Galiza. Entre estas emendas están as relativas á comarca de A Limia. No seu conxunto, os nacionalistas galegos demandan 7 millóns de euros máis para esta comarca. As propostas do BNG atinxen a cuestións relativas ás infraestruturas, a temas medioambientais, rurais como os regadíos e tamén culturais. En concreto, as melloras que o BNG propón son as seguintes:

  • 500.000 euros para a transferencia de capital ao concello de Allariz para o Centro de Interpretación da Historia.
  • 750.000 euros para a construción do colector e Edar en Vilar de Santos.
  • 300.000 euros para a N-525. Circunvalación a Xinzo de Limia.
  • 500.000 euros para a rehabilitación do Mosteiro de Trandeiras.
  • 200.000 euros para a limpeza do cauce do Río Limia en Xinzo.
  • 2 millóns de euros para o regadío de Lamas-Ganade.
  • 500.000 euros para o regadío de San Lourenzo de Sabucedo.
  • 300.000 euros para o regadío parte alta do Río Limia.
  • 2 millóns de euros para o regadío Corno do Monte.

Pérez Bouza afirmou que agarda que na tramitación das emendas se atendan as necesidades que ten a comarca de A Limia e que o BNG plantexa nas súas propostas.

18/08/2009

O BNG de Xinzo propón medidas para compatibilizar o ocio nocturno da nosa mocidade cos dereitos do resto de veciñas e veciños

20090818-capa

En datas recentes, asociacións veciñais de Xinzo veñen de dirixirse á Oficina de Apoio ao Cidadán do BNG para poñer no noso coñecemento o malestar orixinado pola diaria e continuada situación de desprotección e merma no benestar e na calidade de vida que están a padecer, co agravante do período estival, propiciados polo exceso de ruído nocturno, incumprimento reiterado do nivel de decibelios e horarios de peche permitidos aos bares e pubs das “zonas de marcha”, ademais dos improvisados e habituais botellóns e do vandalismo de intensidade severa que xeran estes entornos. Entendemos que, a día de hoxe, o noso Concello conta co amparo legal necesario para atallar esta problemática xa que, á normativa xeral existente ven de engadirse hai pouco tempo a “Ordenanza de boas prácticas veciñais e seguranza cidadá”.

A devandita ordenanza pon nas mans do Concello un instrumento para atallar as condutas incívicas denunciadas polos veciños, polo que non entendemos as evasivas que reciben por parte do goberno municipal eludindo reiterada e descaradamente a súa responsabilidade con argumentos peregrinos como “non temos constancia”, “non é nosa competencia” ou “reclamen vostedes na Subdelegación do Goberno”.

Non é intención do BNG criminalizar os hábitos de diversión da nosa xuventude, nin poñer innecesarios atrancos ao tecido empresarial relacionado co sector, mais coidamos que é preciso garantir a convivencia entre todos, en particular, o dereito ao descanso dos cidadáns, a limpeza dos espazos públicos e a erradicación de comportamentos incívicos. Neste senso o ponto de encontro debe atoparse necesariamente na regulamentación vixente, nomeadamente nas ordenanzas en vigor, por isto consideramos unha obriga e unha responsabilidade do Concello dar resposta aos problemas que se derivan da aglomeración e concentración de centos de persoas nas zonas de ocio nocturno da nosa vila.

Co obxectivo de axudar ao grupo de goberno “popular” nesta laboura, vimos de presentar unha Moción na que propoñemos diversas medidas preventivas (campañas de formación e educación, ofertas alternativas de ocio, etc.) e paliativas (reforzo ocasional das plantillas municipais da Policía Local e das Brigadas de Limpeza) encamiñadas a garantir a convivencia, compatibilizando o ocio nocturno da nosa mocidade cos dereitos do resto de veciñas e veciños. Estamos plenamente convencidos que do respecto mútuo sairemos todos beneficiados e contribuiremos a facer unha sociedade máis humana e solidaria.

Referencias:

Actualización (quinta-feira, 27 de agosto)

No Pleno ordinario do Concello celebrado hoxe aprobouse por unanimidade esta moción presentada polo BNG. Grazas ao resto dos grupos polo seu apoio e agora só resta que o Alcalde e o seu grupo de goberno poñan en práctica os acordos.

27/07/2009

O BNG reclama compromiso do Concello para a construción da Circunvalación sur á vila de Xinzo

20090727-capa

Neste tema o BNG celebra a rectificación do alcalde de Xinzo, Isaac Vila, ao respeito da nosa proposta do ano 2006 sobre a necesidade dun proxecto de circunvalación ao núcleo de Xinzo que eliminase a tráfico pesado do centro da vila. Non deixa de resultar sorprendente e paradoxal, mais en calquera caso revelador do papel que xogan moitos parlamentarios galegos nas Cortes estatais, o feito de que o Sr. Vila, naquela altura senador polo Partido Popular, non soubera moi ben o que estaba rexeitando co seu voto en contra da moción que o BNG presentou na Cámara Alta. O mínimo esixíbel a un representante da soberanía popular sería un pouco de seriedade e adicación no desempeño da súa laboura, máis aínda cando se está a dilucidar unha iniciativa para o propio concello no que exerces de Alcalde.

Con todo, para clarexar definitivamente as ideas do Sr. Vila, o BNG nunca propuxo un trazado para esta circunvalación, nós limitámonos a por enriba da mesa a súa necesidade e o primeiro paso era precisamente realizar un estudo do cal deberían saír alternativas de execución que logo serían analizadas e debatidas.

O feito de eliminarmos o tráfico pesado do corazón da vila permitiría avanzar na súa humanización e consolidación como núcleo comercial e de servizos. Xinzo debe subir un chanzo na súa vocación terciaria e isto pasa pola consecución dun entorno accesíbel para os vehículos, con boas vías de comunicación e zonas de aparcamento distribuídas na periferia, e dun centro urbano atractivo e agradábel pensado e deseñado para o uso e desfrute dos peóns. Levamos moito tempo perdido, Isaac Vila, á fronte dos seus sucesivos gobernos, que en 25 anos nunca tivo unha idea para o noso concello, ten agora unha oportunidade inmellorábel de comezar a traballar por Xinzo comprometéndose con este proxecto.

Polo norte: Estrada Xinzo-Vilar de Barrio

Diante de novas aparecidas hai poucos días nas que se nos anuncia un posíbel “asfaltado” desta pista agrícola, hoxe empregada acotío para a comunicación rodada cos pobos da zona norte do noso concello e cos concellos veciños de Sarreaus e Vilar de Barrio, desde o BNG de Xinzo coidamos que a intervención nesta vía debería ser moito máis ambiciosa e así o recollemos na moción presentada en decembro de 2008 (aprobada por unanimidade no Pleno de 18.12.2008) na que propuñamos a súa conversión en estrada autonómica con dous obxectivos fundamentais: artellar acaídamente a comunicación desta parte da comarca e solucionar a problemática dos numerosos cruces a nivel existentes no trazado para mellorar a seguridade viaria e eliminar puntos negros que se teñen cobrado a vida de moitas persoas.

Referencias:

10/06/2009

O BNG solicita o arranxo de deficiencias en varias rúas da vila de Xinzo e núcleos do rural

20090610-capa

Desde a posta en marcha da nosa Oficina de Apoio ao Cidadán, no BNG de Xinzo temos rexistrado diversas queixas referidas ao deficiente estado de conservación de algunhas rúas, tanto da propia vila como de núcleos do rural, que presentan zonas de asfalto levantadas, materiais desprendidos e múltiples socavóns que dificultan o seu uso por vehículos e peóns. Mesmo nos consta que estas anomalías teñen provocado avarías de importancia en algúns automóbeis que están levando aos seus propietarios e interpoñer reclamacións de indemnizacións diante do Concello por cantidades importantes.

Tendo en conta que moitos destes desperfectos son de escasa entidade e poden ser solventados sinxelamente empregando os medios propios do Concello, o Grupo Municipal do BNG ven de solicitar, a medio de escrito dirixido ao Alcalde, o inmediato arranxo de todas estas carencias co obxecto de garantir a total seguridade das seguintes vías públicas: Avd. Río Limia (tramo entre Dous de Maio e Estrada de Baltar), Rúa Río Arnoia (enfronte do Multicentro), Rúa Río Sil, Praza de San Roque (na continuación da Rúa Blanco Amor), Rúa Alexandre Bóveda, Pista da Armada (xunto ao Pavillón e en varios puntos do seu trazado), Pista dos Castros, Rúas do Polígono Industrial, núcleos de Piñeira Seca, Paredes, Rebordechá, Fiestras e Morgade.

A pasividade e desleixa demostradas historicamente polo Goberno do PP no referente ao coidado das rúas e prazas é ben coñecida polas veciñas e veciños de Xinzo, que están afeitos a convivir acotío aturando incomodidades das que se libra o noso Alcalde, Isaac Vila, quen ao residir fóra do noso concello non ten que soportalas, por isto, recomendámoslle que se baixe do coche e faga un pequeno percorrido polo pobo para constatar de primeira man o lamentábel estado de moitas delas.

Referencias:

Páxinas: 1 2 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

208 queries - 0,245 segundos | Powered by WordPress