#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

22/04/2013

O BNG desconfía dos motivos para a posta en marcha da ORA no núcleo da vila de Xinzo

20130422-capa

Se os verdadeiros obxectivos do PP fosen desconxestionar a circulación e gañar en seguridade hai anos que se tería avanzado na nosa proposta do ano 2006 para elaborar un estudo e un proxecto de circunvalación ao núcleo de Xinzo.

Xinzo da Limia, 22 de abril de 2013.Hoxe o grupo de Goberno do PP no Concello de Xinzo anunciaba a súa intención de aprobar unha Ordenanza Reguladora do Aparcamento (ORA) nas rúas céntricas da nosa vila sob os achaques de “desconxestionar a circulación e gañar en seguridade”, loxicamente estes son os argumentos de manual cos que o Alcalde, Sr. Pérez, tentará venderlle a moto aos veciños e veciñas de Xinzo mais que baten de fronte coa realidade xa que unha medida illada como esta consistente en cobrar por aparcar non vai contribuír a desconxestionar a circulación nin se vai gañar en seguridade.

Se esta fose a verdadeira preocupación do PP xa hai anos que se tería avanzado na nosa proposta do ano 2006 para elaborar un estudo e un proxecto de circunvalación ao núcleo de Xinzo que recollera todo o tráfico pesado que ven de Portugal, Os Blancos, Vilar de Santos, etc. e o conducira á autovía evitando pasar polo medio do pobo. Así mesmo o Sr. Pérez tería tomado medidas para a posta en valor do infrautilizado aparcadoiro soterrado da Praza Carlos Casares impulsando un acordo a tres bandas entre Concello, comerciantes e empresa concesionaria para bonificar o uso do mesmo aos clientes que merquen nos comercios de Xinzo.

Ao final no único no que se concretará esta nova medida, malia o desmentido do Sr. Pérez do seu “afán recadatorio”, será nunha nova fonte fixa de ingresos para o Concello polos conceptos do propio pago do aparcamento, así como das eventuais sancións que vaia a dar lugar o seu incumprimento.

02/01/2013

O Goberno do PP rexeita en tempo record as alegacións presentadas polo BNG á suba das taxas da auga

Tal como anunciamos hai unhas semanas, o día 26 de decembro presentamos as alegacións ás ordenanzas fiscais nº7, reguladora da taxa polo servizo de rede de sumidoiros e pola prestación do servizo de tratamento e depuración de augas residuais e nº9, reguladora da taxa pola subministración de auga a domicilio. O servizo de rede de sumidoiros e mais o de tratamento e depuración de augas residuais soben un 31% para o ano que ven, mentres o de abastecemento de auga sofre un incremento do 5,57%. Estas subas veñen a afondar no sobre-custe que xa pagan os veciños e veciñas de Xinzo por estes servizos como consecuencia da adxudicación, sin concurso público, feita á concesionaria no anterior mandato.

O argumento principal no que baseabamos a nosa petición de anular a suba era a inexistenza da preceptiva memoria económico-financeira que obriga o Art.20 da Lei 8/1989, de 13 de abril, de Taxas e Prezos Públicos.

Cunha rapidez e dilixencia impropias da actual equipa de Goberno do PP, procederon a redactar en tempo record unha resolución desestimando as nosas alegacións a punto para ser aprobada no Pleno Ordinario do día 27 de decembro e, deste xeito, que a suba nas taxas poidera serlle aplicada aos veciños e veciñas de Xinzo dende o 1 de xaneiro de 2013. Novamente asistimos á tradicional práctica “popular” de mirar polos intereses da concesionaria en detrimento do peto dos cidadáns de Xinzo.

 Filed under: En destaque
22/11/2012

O BNG empraza ao alcalde a corrixir a suba esaxerada nas taxas de saneamento e depuración

Estas dúas taxas soben un 31% para o ano 2013 mentres que a taxa de abastecemento de auga faino nun 5,57%, dous puntos por riba do IPC de setembro (+3,4%).

Xinzo da Limia, 22 de novembro de 2012. No pleno da semana pasada o grupo de goberno do Partido Popular no Concello de Xinzo aprobaba, en solitario, unha suba xeneralizada de taxas e impostos co achaque de repercutir o IPC de cara ao vindeiro exercicio.

Unha vez revisadas e comparadas coas taxas vixentes na actualidade obsérvase que, no caso da taxa polo servizo de rede de sumidoiros e pola prestación do servizo de tratamento e depuración de augas residuais (ordenanza fiscal nº7), a suba aplicada é escandalosamente superior ao IPC, de feito, case dez veces máis. En concreto, no capítulo I: Servizo de rede de sumidoiros, pasa de 0,154502€/m3 a 0,203149€/m3 (+31,49%), mentres que no capítulo II: Servizo de tratamento e depuración de augas residuais, pasa dos actuais 0,241€/m3 a 0,316342€/m3 (+31,26%). De manterse a suba nestes termos a empresa concesionaria do servizo podería beneficiarse duns ingresos “extra” estimados en 160 mil euros anuais como consecuencia do exceso de tarificación con respecto ao que correspondería coa suba do IPC contemplada legalmente no contrato de adxudicación.

Por outra banda a taxa pola subministración de auga a domicilio (ordenanza fiscal nº9) sobe significativamente por riba do IPC pasando por exemplo a tarifa ata 30m3 de consumo trimestral de 0,200834€/m3 a 0,212024€/m3 (+5,57%). O resto de tramos tamén experimentan a referida suba do 5,57%.

O BNG de Xinzo votou en contra desta suba de taxas e impostos no actual contexto de crise económica e emprazamos ao alcalde, Antonio Pérez, a que dea marcha atrás e corrixa a situación. De non tomarse medidas de xeito inmediato presentaremos unha alegación para obrigar ao PP a rectificar, xa que esta suba é absolutamente desproporcionada e inxustificada, máxime tendo en conta que os veciños e veciñas de Xinzo xa viñan pagando polos servizos de abastecemento, saneamento e depuración unha das tarifas máis caras de toda Galiza.

27/02/2008

A protesta e o “plante” dos feirantes son unha consecuencia lóxica da política escurantista e alonxada da rúa de Isaac Vila e do Partido Popular

No día de hoxe, co plante e protesta dos feirantes diante do Concello, tivemos a ocasión de vivir unha consecuencia directa do xeito de gobernar do alcalde Isaac Vila e do PP.

  • A taxa que provocou a protesta é a de “Ocupación de terreos de uso público con postos de venda, barracas, espectáculos e outros análogos” que na “Tarifa C: Postos asignados na feira quincenal” pasou de 0,90 a 2,00€/m2·día, o cal representa unha suba dun 122%.
  • No 2006 o Concello ingresou por esta taxa 38mil euros que, coa aplicación da nova tarifa, aumentarán previsíbelmente a máis de 80mil neste ano. Globalmente a suba de taxas e impostos suporá un incremento nos ingresos municipais duns 300mil euros anuais, o cal servirá para financiar a errática e caótica política de contratacións de Isaac Vila, mais non repercutirá na mellora apreciable da cantidade nin da calidade dos servizos prestados aos veciños.
  • O BNG xa denunciou no mes de outubro o xeito en que foron aprobadas estas subas de taxas e impostos: sen un estudo serio, sen información aos veciños e sen contar coa oposición.
  • Hoxe explotou o tema dos feirantes, mais a medida que os veciños e veciñas de Xinzo comecen a padecer outras subas (Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica, Matrículas do Conservatorio e da Escola de Gaitas, Axuda no Fogar, etc.) e sexan conscientes do incremento da presión fiscal impulsada polo PP, o malestar e as protestas estenderanse a outros colectivos.
25/10/2007

O BNG abandona o Pleno como medida de protesta diante da imposibilidade de tratar a revisión de ordenanzas con seriedade pola falta de tempo para estudar a documentación

O pleno de hoxe xoves, 25 de outubro, estaba adicado case exclusivamente a revisar as taxas, impostos e ordenanzas que regulan diferentes servizos prestados polo Concello aos veciños de Xinzo. O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo optou por abandonar o Plenario sen entrar a debater os puntos da orde do día referidos a estas modificacións polos seguintes motivos:

  1. Dende o anterior pleno ordinario transcurriron dous meses e as comisións informativas para tratar estes temas convocáronse este pasado luns, 22 de outubro. Durante o transcurso das citadas comisións os representantes dos grupos fomos simplemente informados das modificacións.
  2. A documentación completa referida a estas modificacións foinos entregada o martes, 23 de outubro. Ésta consistía nunha serie de documentos que totalizaban máis de seiscentas páxinas que debiamos revisar e analizar en menos de 48 horas para poder adoptar unha postura minimamente contrastada e razoada no transcurso do Pleno.
  3. Tendo en conta que a magnitude da revisión é dunha importancia considerable, xa que vai afectar a todos os veciños e veciñas de Xinzo, non entendemos a premura nos prazos que nos fixeron totalmente imposible poder estudar a documentación coa profundidade e seriedade necesarias, máxime se temos en conta, como dixemos no punto 1, que pasaron dous meses dende a anterior reunión ordinaria. Esta falla material de tempo tamén nos impediu poder presentar emendas, correccións ou aportacións que enriquecerían os textos definitivos.
  4. Diante destas circunstancias propuxemos no pleno que os puntos referidos ás revisións de taxas, impostos e ordenanzas foran retirados da orde do día para poder ser analizados co tempo necesario e debatidos no próximo pleno. Esta petición non foi tida en consideración polo Sr. Alcalde, Isaac Vila, que considerou que xa estabamos suficientemente informados ao respecto.
  5. En vista desta actitude o Grupo Municipal do BNG abandonou o Pleno, sen entrar a debatir o fondo da cuestión, por dous motivos fundamentais: a convicción de non poder adoptar unha postura razoada sobre as cuestións plantexadas; e como medida de protesta para amosar o noso descontento e desacordo sobre como se desenvolveu este proceso en concreto e, en xeral, polo xeito despótico e pouco transparente de conducir o Concello que historicamente amosa o Alcalde Isaac Vila Rodríguez.

Referencias:

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

202 queries - 0,244 segundos | Powered by WordPress