#ConstruíndoFUTURO, Asemblea Aberta. Xinzo, 10 de outubro, 20:30h, Casa da Cultura. Contamos contigo?

bng.xinzodalimia

18/07/2012

O BNG esixe ó Alcalde de Xinzo que desautorice unha concesión mineira proxectada nas concentracións parcelarias anexas ó río Faramontaos

Para o Grupo Municipal do BNG estamos diante dunha cuestión de extrema gravidade que esixe a máxima prioridade, especial dedicación, rigor e interese por parte dos responsábeis municipais ao afectar directamente á un piar básico da economía dos nosos veciños como é o agro, comprometendo directamente a viabilidade de 400 Has e indirectamente a totalidade das veigas de terra útil concentrada das parroquias de San Pedro, Laroá, Fiestras, Rebordechá, Paredes, Moreiras, Faramontaos e Seoane, dada a agresividade e forte impacto do proxecto.

É por este motivo que o BNG ven de celebrar coa presenza da deputada Tareixa Paz unha serie de xuntanzas informativas veciñais nestes núcleos rurais de Xinzo alertando das terribles consecuencias deste proxecto mineiro para o agro, a economía e o medo ambiente da zona. Por outra banda, tamén se está a informar a veciñanza que asemade das alegacións, mocións presentadas ou dos acordos tomados polos distintos grupos políticos no Pleno Extraordinario que se celebrará o vindeiro xoves ao respecto, e ao abeiro da LEI 3/2008 do 23 de maio de ordenación da minería da Galiza, Título IV Dereitos Mineiros, Capítulo I Procedemento de outorgamento dos dereitos mineiros, Artigo 22 Informe Municipal preceptivo, o BNG de Xinzo da Limia esixe o Alcalde-Presidente do Concello que proceda a redacción dos informes técnicos municipais preceptivos que contempla a devandita Lei, informes DESFAVORABLES que detallen e xustifiquen a nefasta incidencia e forte impacto negativo que o devandito proxecto Faramontaos 5089 supón tanto no eido económico, ambiental, social como agropecuario da zona E ASÍ DESAUTORICE taxativamente este procedemento de outorgamento de dereito mineiro, para o que dispón dun prazo de dous meses.

Así mesmo e ante a pasividade manifesta do PP que ceibou todo o seu rexeite na simple sinatura de alegacións, o BNG a través da súa deputada Tareixa Paz porá en marcha nesta mesma semana no Parlamento da Galiza unha serie de iniciativas encamiñadas a que as Consellerías do Medio Rural e do Medio Ambiente rexeiten de xeito frontal tamén este procedemento administrativo cos seus preceptivos informes técnicos desfavorables.

01/11/2011

O BNG esixe ó Alcalde de Xinzo que deixe de crispar á veciñanza de Gudín

O BNG reclama a Antonio Pérez que devolva a normalidade a veciñanza de Gudín, moi preocupada pola planta de lixo.

Xinzo da Limia, 1 de novembro de 2011. O portavoz municipal de Xinzo, Amador Díaz Penín, tralo enorme malestar e crispación vividos o pasado domingo nunha xuntanza de comuneiros do monte do término municipal de Gudín, onde mesmo chegou a intervir a Policía Local de Xinzo para manter o orden público, esixe que “o alcalde Antonio Pérez devolva a normalidade ó pobo de Gudín onde ata o de agora a xente vivía moi tranquila, en paz e sen ningún tipo de problemas nin co monte, nin co lixo nin con nada”.

Gran interese do alcalde pola situación da planta de lixo en Gudín.

Neste sentido, Amador Díaz denuncia que “o que debería explicarnos a todos o señor alcalde do PP Antonio Pérez, ós de Gudín e do resto de Xinzo, é o por que dise gran interese seu en traer unha planta de basura aquí e aínda por enriba darlle o servizo a unha empresa SOREVA S.L., tapadeira de outras, que non ofrece ningunha garantía na correcta xestión do lixo e que en Murcia a semana pasada o goberno autónomo lle pechou un vertedeiro ilegal en Abanilla”.

05/10/2011

O BNG lamenta a teima do Alcalde de Xinzo en querer converter á Limia no vertedoiro do sur de Galiza

20111005-capa

Amador Díaz denuncia a actitude covarde do alcalde do PP, Antonio Pérez, que non dá a cara e delega nun técnico alleo ao Concello a explicación do proxecto.

Xinzo da Limia, 5 de outubro de 2011. No día de onte, auspiciada polo grupo de goberno do PP no Concello de Xinzo co seu Alcalde á cabeza, Antonio Pérez, celebrouse na Casa da Cultura unha xuntanza para a “presentación” do proxecto dunha Planta de Tratamento de Refugallos promovida por unha firma murciana. No decorrer da mesma un técnico en representación da citada empresa degrañou as “virtudes” do proceso de “valorización” aplicado ao lixo, nun intento superfluo de convencer aos presentes da súa comenencia pois os “convidados”, na súa maioría seguidores populares, xa estaban convencidos de antemán e non precisaban de moitos máis adobíos técnicos que nin entenderon nin lles interesaban. Este proxecto resúmese nos seguintes puntos chave: un investimento de 50 millóns de euros, unhas instalacións de 60 mil metros cadrados e 200 postos de traballo directos nunha planta que trataría 150.000 toneladas de lixo ao ano, que se valorizaría en forma de abono orgánico (compost), materiais de reciclaxe (papel, vidro, plástico, metais, etc.) e CDR (combustíbel derivado de refugallos), deixando un “resto” non recuperábel, estimado nun 4% do total, que iría a un vertedoiro anexo.

Deixando a un lado a valoración técnica, para o BNG resulta intolerábel a actitude política do Alcalde, Antonio Pérez, agochado na primeira fila xunto ao resto do seu grupo, asistindo como simple espectador ao acto, nun patético intento de situarse a unha falsa equidistancia do proxecto cando na realidade el é o principal valedor e mentor do mesmo, como declarou aos medios logo de visitar unha planta similar que esta empresa ten en Murcia. No BNG non terminamos de entender os continuos bandazos deste alcalde que primeiro dixo si á Incineradora da Xunta do PP, logo dixo non, e agora volta a dicir si a esta planta de tratamento. Novamente imos ter que ser os veciños e veciñas de Xinzo os que o convenzamos para que mude de opinión coa nosa mobilización e rexeitamento.

Postos de traballo de ínfima cualificación

O principal e único argumento co que o PP nos quere “vender” este proxecto é o dos 200 postos de traballo directos que calculan se poderían crear nas sucesivas fases da súa implantación. Máis unha vez o modelo do PP está claro: privatización de servizos públicos e precarización das condicións de traballo. Sen entrar na análise das repercusións negativas que a presencia desta planta ocasionaría para o principal cultivo da nosa comarca, resulta chamativa a pouca estima e nula ambición que o Sr. Pérez ten para os seus conveciños ao condenalos a uns “empregos lixo” cunha cualificación ínfima que propiciará unha elevada rotación e temporalidade e, consecuentemente, salarios míseros de auténtica subsistencia. No BNG apostamos por outro futuro para a Limia, diferente ao dun PP que nos quere situar no mapa dos vertedoiros de Galiza como xa ten demostrado coa Planta de Tratamento de Refugallos da Construción. Apostamos polo impulso institucional á instalación na nosa comarca de empresas respectuosas co medio, non contaminantes, fundamentalmente empresas agro-gandeiras, que permitiran tirar un valor engadido da nosa produción creando postos de traballo estábeis, sostíbeis e cualificados.

Acto público do BNG. Outro modelo de crecemento para Xinzo é posíbel

Co obxectivo de explicar o noso posicionamento e alternativas sobre este e outros temas, o BNG convida aos veciños e veciñas a un acto público aberto o vindeiro sábado, 8 de outubro, ás 20:30h no Salón de Plenos do Concello de Xinzo, no que o noso senador e cabeza de lista por Ourense, Xosé Manuel Pérez Bouza, debullará as propostas para a Limia de cara ás vindeiras eleccións xerais do 20 de novembro.

05/10/2010

O PP impide as obras de modernización do regadío da Limia e a súa reactivación económica como reclamaba o BNG

O BNG, a través da portavoz de agricultura, Tereixa Paz, defendeu hoxe en sede parlamentar, unha proposición non de lei para a modernización de regadíos da Limia e a posible afectación da declaración de Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) ao proxecto, iniciativa que  foi rexeitada polo Partido Popular.

A falta de partidas  nos orzamentos do PP frea as obras de regadío

Na súa intervención, a deputada nacionalista salientou o “considerable retraso” na verificación dos trámites  deste proxecto e explicou que as obras para iniciar a modernización dos regadíos da Limia tropezaron, ao longo do tempo, con obstáculos como: o desacordo dos regantes na súa cuantía, por consideralas  desmesuradas, a falta de consignación nos orzamentos da Xunta para o ano 2010, ausencia de consignación nos orzamentos do Estado para o 2011 ou o retraso do Executivo galego na sinatura do convenio con SEIASA del Norte, empresa competente na execución destas infraestruturas.

Para Paz, ademais dos motivos que están a frear as obras, hai que sumar a aprobación do Decreto polo que se establece a Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) na Limia que está a crear grande incerteza nas comunidades de regantes.

O Goberno do  PP mantén unha actitude inmobilista

A parlamentaria nacionalista reclamou un “cambio de actitude” do Goberno galego, por ser –na súa opinión- “o maior valedor das comunidades de regantes ante a empresa pública SEIASA que debe dar resposta ás demandas e necesidades dos produtores”.

Paz reiterou a importancia da comarca da Limia na produción de pataca e cereal, como elemento fundamental para o seu desenvolvemento económico e asegurou que “a Xunta e o Estado adían as obras para o regadío nesta comarca agrícola, converténdoa nunha das primeiras vítimas da austeridade”.

Afección da ZEPA no proxecto de modernización

Neste sentido preguntou como afecta a declaración de ZEPA á execución das obras de modernización d0 regadí0 da Limia e como se vai garantir ás comunidades de regantes que non existe ningún obstáculo para a modernización do regadío nas comunidades de Lamas Ganade, Alta Limia, Corno do Monte e San Lourenzo de Sabucedo.

Pola súa parte a portavoz do g.p do Partido Popular, Yolanda Díaz Lugilde, respondeu que existe un plan de modernización de regadíos 2007-2013  e que na actualidade, xa se ten avanzado na sinatura do convenio marco con SEIASA pero para a deputada do BNG, “o PP non aportar datos sobre o devandito avance”  e culpabiliza  ao Goberno do Estado de entorpecer o proxecto.

O financiamento das obras é compartido

Paz retrucou á portavoz do PP que “o financiamento, segundo o convenio marco de regadíos, correspóndelle o 10% aos regantes,  o 41% ao Estado, a través de SEIASA del Norte, o 27% dos  fondos FEADER e o 22% de fondos propios da Xunta” e reiterou que nos orzamentos do ano 2010 non existía a consignación correspondente ao 22 % que ten que achegar a Xunta, polo tanto -dixo- “non segan botándolle a culpa aos demais para zafarse dos problemas”.

Finalmente, Tereixa Paz  pediulle ao Partido Popular que abandonara a súa “actitude de pasotismo e neglixencia” para poder iniciar as obras  partindo de  dúas premisas: a Xunta debe asinar, sen dilación, o convenio marco e encetar as obras neste período de sesións e garantir que a declaración de ZEPA non implique ningunha nova tramitación administrativa nin impedimento para executar os proxectos de regadío tal e como foron concibidos.

Referencias:

19/05/2010

A Xunta confirma, en resposta ao BNG, que a declaración da ZEPA está a ser un obstáculo importante para acometer a modernización dos regadíos da Limia

O director xeral de Desenvolvemento Rural confirmou hoxe, en resposta a unha iniciativa do BNG, que a primeira consecuencia negativa da declaración da ZEPA será obstaculizar ou incluso impedir a modernización do regadío da Limia, que leva acumulado un considerábel retraso, denunciado en reiteradas ocasións polos nacionalistas, lembrou a deputada Tereixa Paz.

A parlamentar do BNG, encargada de defender en comisión unha iniciativa sobre este asunto, acusou a este goberno, logo da resposta do director xeral -que recoñeceu non estar en condicións de negar a afectación da ZEPA-, de “importarlles un comino facer o Regadío e preferir laiarse e negociar mal perante o Estado e así logo poder dicir que foi imposíbel facer nada”.

Tereixa Paz lembrou que a modernización nas catro comunidades de regantes estaba xa prevista polo anterior goberno, cun traballo moi adiantado a través dun convenio marco negociado entra a anterior Consellería de Medio Rural e a empresa pública SEIASA do Norte, que é a competente na execución deste tipo de infraestructuras, só ficaba a aprobación do Consello da Xunta para asinar o dito convenio.

Mais, segundo a deputada, no último ano este proxecto viuse sometido a unha verdadeira carreira de obstáculos: dende o retraso nesa sinatura, pasando polo desacordo das comunidades de regantes cos custes que a empresa pública ten estimado para o proxecto, até a insuficiencia da consignación nos Orzamentos da Xunta para 2010, para facer fronte á parte que debería ser financiada polo erario público galego. Ao que hai que sumar, dixo, a aprobación do decreto da ZEPA.

Para a parlamentar nacionalista, esta actitude do Goberno só pode cualificarse como de auténtico “pasotismo” e “deserción” das súas funcións, deixando ás comunidades de regantes a mercé da súa propia sorte. “A propia Xunta é o obstáculo máis contundente –engadiu-, por acción: coa declaración da ZEPA e a aprobación duns orzamentos de só 300.000 euros para os regadíos, como por omisión”.

Tereixa Paz concluiu que esta actitude debe mudar radicalmente e o Goberno debe ser o maior valedor das comunidades de regantes ante a empresa SEIASA, coa finalidade de adoptar o proxecto ás necesidades e demandas dos produtores.

“O goberno debe definir con claridade e rotundidade cal é afectación que a declaración da ZEPA implica para a execución das obras de modernización dos regadíos da Limia. Non estar en condicións de facelo, como aconteceu hoxe en comisión, é constatar algo que nós xa advertimos sobre a súa declaración. Agora poden ir a contarlles o que queiran aos veciños e afectados, que a realidade é a que é”, concluiu.

Referencias:

 Filed under: Sala de imprensa
25/03/2010

O BNG foi o único grupo que presentou un texto que expresamente defendía a actividade agrogandeira na ZEPA da Limia

O Bloque Nacionalista Galego quere realizar as seguintes aclaracións respecto da aprobación da modificación da lei de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galiza en relación coa ZEPA da Limia:

PRIMEIRO

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego foi o único que no tramo final da tramitación do proxecto de lei, no momento do seu debate en Pleno presentou, en base a unha emenda previa do propio grupo referida aos usos agrogandeiros, unha proposta de transacción que puidese resolver os obstáculos que desde a perspectiva da lexislación urbanística puidesen empecer a actividade agraria e gandeira nos terreos afectados pola declaración de ZEPA. A proposta de transacción tiña o seguinte tenor literal:

“Engadir un novo punto 4 no artigo 39 (que é o que regula os usos no solo rústico de especial protección de espazos naturais) coa seguinte redacción: Nos solos incluídos na delimitación da Zona de Especial Protección de Aves da Limia ademais dos anteriores, estarán permitidos os usos previstos no artigo 33 (que regula os usos do solo rústico) alínea 2. (usos construtivos), parágrafos a) (construcións e instalacións agrícolas…) e b) ( construcións e instalacións destinadas á gandaría…) ademais das infraestruturas necesarias para o seu desenvolvemento.”

Esta proposta de transacción non puido ser aprobada por non ser aceptada polos outros grupos parlamentares e non ter, obviamente, o Bloque Nacionalista Galego a maioría suficiente para facelo.

SEGUNDO

O Grupo do PP formulou unha posíbel transacción con outro grupo, que non era o do Bloque Nacionalista Galego, ao carecer o PP de emendas propias, e que implicaba que ese outro grupo aceitase a retirada da súa emenda para poder aceptar a proposta do PP, ao cal non se prestou dito grupo parlamentar. Non houbo, polo tanto, ningún tipo de obstaculización nin veto por parte do BNG a quen a súa representación, que é de só doce deputados/as, por outra parte, non lle da tal capacidade de impedir maiorías parlamentares.

En calquera caso hai que sinalar que a proposta do PP non facía ningunha mención nin expresa nin remota á ZEPA da Limia nin producía ningunha modificación nos usos permitidos no solo rústico, limitándose a excluír os terreos incluídos na Rede Natura da consideración de solo rústico de protección de espazos naturais o cal podería permitir que nun espazo natural protexido se constrúa unha urbanización e aínda así non resolver a compatibilidade de usos agrogandeiros na Limia.

TERCEIRO

Desde o Bloque Nacionalista Galego expresamos unha vez máis que a nosa posición en relación coa ZEPA da Limia se mantén invariábel no sentido de que en primeiro termo se debe garantir o desenvolvemento e competitividade dos usos agrarios e gandeiros actuais e futuros desta comarca e que non foi a nosa organización que decidiu nin permitiu que se aprobase o Decreto de ZEPA sen adoptar previamente as medidas que garantisen o cumprimento desa premisa.

Finalmente consideramos que só desde o descoñecemento e a ignorancia máis absoluta dos feitos ou, o que sería peor, coa clara intención de difamar á nosa organización política se poden realizar imputacións tan maniqueas, terxiversadas e malintencionadas como as realizadas contra nós, posto que foi o único grupo que puxo encima da mesa un texto que contiña unha alusión concreta e explícita para que na ZEPA da Limia non existise ningún tipo de impedimento para a actividade agraria e gandeira.

Referencias:

ACTUALIZACIÓN (27-03-2010)

En resposta ás afirmacións de Unións Agrarias que acusaban ao BNG de incoherente e de abandoar aos agricultores da Limia, hoxe, representantes de catro comunidades de regantes, da Asociación de Productores de Pataca e do sector gandeiro de Xinzo aseguran nun comunicado que non se sinten «representados pola dita organización sindical» e poñen en dúbida a súa representatividade e lexitimidade para negociar o Plan de Usos da Zepa.

05/02/2010

O BNG consegue o respaldo unánime da cámara para facer fronte á situación de crise do sector da pataca da Limia

O BNG consigue o respaldo de todos os grupos para instar ao goberno da Xunta a facer fronte á situación de crise que atravesa o sector da pataca da Limia, impulsando a sinatura de contratos homolagos e convocando a Mesa da Pataca para continuar a intelocución e lograr a concertación entre produtores e almacenistas para establecer relacións estabeis e transparentes que permitan facer fronte á situación de crise e evitar que os produtores teñan que cargar con perdas inasumibeis.

A deputada nacionalista Tereixa Paz valorou poder ter chegado a este acordo unánime, a unha proposición non de lei do BNG, transaccionada cunha emenda popular, pois grazas ao mesmo se poderá garantir a recollilda de produción e a percepción de prezos dignos aos productores.

A parlamentar recoñeceu que o sector da pataca tradicionalmente sofre crises cíclicas mais os problemas que xurdiron coa campaña de 2009, durante a que os produtores se viron obrigados a vender a prezos de entre 5 e 6 céntimos Kg, era prevísibel, “dende Maio se podía estimar que a produción chegaría aos 10 millóns de kg e sen embargo non se adiantou ningunha medida por parte da Xunta”.

Neste sentido, Tereixa Paz recordou o traballo realizado polo anterior goberno, que en Setembro de 2008 asinou na Mesa da Pataca o contrato homologado para regular os prezos, que tería que ter tido continuidade no 2009, mais nin se convocou nin siquera houbo posicionamentos de membros de Goberno a prol do sector, “salvo as desafortunadas declaracións do superdelegado de Ourense, que debía estar máis ocupado na batalla interna contra Baltar, nas que acusaba aos pataqueiros de choromiqueiros e lles advertía de que non ía haber axuda algunha”.

A parlamentar lamenta este abandono dun sector e dunha comarca que, por outra parte, non fai máis que recibir “batacazos do Goberno”, como a conxelación do banco de terras, que tan ben estaba a funcianar na Limia, a aprobación da Zepa “pola porta de atrás” e obviando os acordos acadados no Parlamento e agora a pataca.

Paz Franco explicou que sobra dicir que o sector da pataca en Galiza conta cunha Indicación Xeográfica Protexida que ampara ás patacas producidas e envasadas en catro produtoras (A Limia, Bergantiños, Terra Cha e Lemos), cun potencial que nos últimos anos ten ido en aumento e que, concretamente na comarca da Limia xera un importante número de postos de traballo directos ademais de incidir outros moitos por ser o motor económico da comarca.

Referencias:

17/12/2009

O Pleno aproba unha moción do BNG para potenciar o Comercio local de cara ás datas do Nadal

No pleno ordinario de hoxe aprobáronse sendas mocións do BNG nas que se propoñían ao Concello accións inmediatas de cara a este Nadal que axuden a potenciar as vendas do noso comercio e de apoio a Aminatou Haidar. O BNG solicitou do grupo de goberno tres medidas: dúas horas de gratuidade no aparcamento da Praza de Carlos Casares a quen merque nalgún establecemento de Xinzo, unha campaña convidando a facer as compras na localidade e un especial coidado dos operarios do Concello e da Policía Local para facilitar e facer máis agradábel a estancia dos visitantes na nosa vila. Somos conscientes de que son medidas cativas, paliativas dunha situación de deterioro que ven de longo, e que a verdadeira solución viría da man de accións estruturais de máis calado como as que leva propoñendo o BNG nos últimos anos: potenciación do tecido asociativo dos comerciantes, humanización da vila, criación dunha marca de calidade identificada con Xinzo asociada a un Centro Comercial Aberto, eliminación do tráfico pesado do núcleo do pobo mediante a circunvalación, posta en marcha dun sistema de transporte comarcal, etc.

Outra das nosas mocións, que quedou pendente para tratar nunha comisión informativa ordinaria, propoñía aplicar a baixada do IPC de setembro de 2009 (-1%) ás taxas de abastecemento, saneamento e depuración que se revisan anualmente conforme a este índice. Do mesmo xeito que cando subía o IPC repercutía na tarifa do servizo, agora que baixa consideramos de xustiza lle sexa trasladado este descenso ás veciñas e veciños en forma de baixada das taxas correspondentes.

Xa dentro dos puntos da orde do día o PP aprobou en solitario o recoñecemento dunha débeda de 166.000 euros, que lle reclama a concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento ao Concello polo téorico desfase de ingresos no primeiro e segundo trimestres de 2009 como consecuencia da non entrada en vigor das tarifas aprobadas o ano pasado. Para nós resulta incomprensíbel que se recoñeza esta suposta débeda sen un estudo que a contraste por parte dos técnicos municipais, co informe en contra da Interventora e co único aval dunha relación de facturas e partes de traballo presentadas pola propia concesionaria. Logo de hipotecar a xestión municipal nesta materia para os vindeiros coarenta anos o alcalde, Isaac Vila, non ten ningún escrúpulo en seguir xogando co diñeiro de todos alegremente e co único aval que lle da dispoñer da maioría absoluta.

Outro ditame, aprobado por unanimidade, reclama da Xunta a suspensión do polémico Decreto 411/2009, do 12 de novembro, polo que se declara a ZEPA da Limia, mentres non se garanta a compatibilidade coas prácticas agrarias actuais. A mesma ZEPA que foi imposta por Feijóo, sen consenso nen negociación, logo de ter prometido en campaña o contrario.

Relacionadas:

Páxinas: 1 2 3 Seguinte

bng
2003-2013, Grupo Local do Bloque Nacionalista Galego de Xinzo da Limia
R/ Río Arnoia, 14 - Local 18 (Multicentro - 1ªandar) | 32630 Xinzo da Limia - Ourense (Galiza, UE) | Tlf/Fax: 988461360
www.bng-xinzo.org | @bngxinzo | info@bng-xinzo.org

Cretos | Privacidade e seguridade | Condicións de uso

Todo o contido desta web está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento 3.0 se non se indica o contrario

208 queries - 0,245 segundos | Powered by WordPress